V Premio de Novela Vilar Ponte

Viveiro vístese de gala no seu gran recoñecemento á literatura galega

Cita ► Os gañadores do certame reciben hoxe os seus galardóns no transcurso dun acto no Pastor Díaz, con música en directo
María Loureiro (esquerda), con xurado e os premiados na anterior edición. JOSÉ Mª ÁLVEZ (AEP)
photo_camera María Loureiro (esquerda), con xurado e os premiados na anterior edición. JOSÉ Mª ÁLVEZ (AEP)

O teatro Pastor Díaz de Viveiro vístese este venres de gala para acoller un dos actos máis emblemáticos que desenvolve o Concello, o Premio de Novela Vilar Ponte, un certame que chega á súa quinta edición mantendo intacto o obxectivo co que naceu, o de difundir a literatura en lingua galega.

Unha premisa que segue a manterse e "todos os escritores e finalistas premiados nas anteriores edicións viron publicadas as súas novelas, o que é un orgullo e anímanos a seguir impulsando este premio e a mantelo no tempo", asevera a alcaldesa viveirense, María Loureiro.

Recorda a mandataria que o premio leva o nome dos irmáns Antón e Ramón Vilar Ponte, recoñecendo así o seu importante legado e axudando a potenciar tamén a espallar o nome de Viveiro no mundo cultural, onde o certame vai medrando de xeito máis que considerable conforme medran as edicións.

"Cada vez é máis coñecido e recoñecido no mundo cultural e literario e a proba é que foron máis dunha vintena de novelas as que se presentaron este ano ao certame, o que é un éxito", afirma a rexedora de Viveiro.

Óscar Manuel Guzmán alzouse co primeiro premio, do tado con 4.000 euros, cunha obra de trama policiaca

Un revulsivo para os escritores é tamén a importante dotación económica coa que está dotada o premio, con 4.000 euros para o ganador e mil para o finalista. Unhas contías que este ano se embolsarán Óscar Manuel Guzmán Álvarez, pola súa obra Pero... Como morren as pegas? coa que obtivo o primeiro premio, e María Cristina Rey Vázquez, que quedou en segundo lugar coa novela Letras azuis sobre formigón gris.

Ambos autores confirmaron a súa asistencia á gala de hoxe, que será conducida polo humorista e actor de dobraxe viveirés Carlos Jiménez, "ao que lle agradecemos moito a súa participación neste acto", sinala Loureiro, quen será a encargada de presidir a recepción aos premiados ás portas do teatro.

Labor do xurado

Unha vez dentro, a alcaldesa pronunciará unhas verbas sobre o certame, mentres que o xurado encargarase de falar, en xenérico, sobre as súas impresións das novelas presentadas e, en concreto, sobre as que resultaron premiadas neste certame, no que todas concorren de xeito anónimo e non se coñece quen é o ganador e de onde procede ata que se ten decidido por votación cal é a obra escollida.

A vencedora desta ano é unha novela policiaca do ourensán Óscar Manuel Guzmán Álvarez, da que o xurado destacou "a habelencia por espellar un mundo de intrigas que nos convida á investigación por parte da Policía Nacional dunhas mortes producidas en estrañas circunstancias que han levar a trama na súa resolución por terras ourensás e do norte de Portugal". Respecto da finalista, apunta que "ensambla a historia colonial coa realidade galega da emigración dende unha visión crítica abordando cuestións como a desigualdade social, o abuso de poder, a familia ou a amizade".

María Loureiro destaca o importante recoñecemento deste galardón no eido cultural de Galicia

Un xurado ao que María Loureiro fai un recoñecemento especial polo "enorme traballo" que realizan "e sempre amosan moi boa disponibilidade a participar, a pesares do traballo que eles xa teñen na súa vida privada", recalca. Un xurado que se renova cada ano e que nesta edición estivo formado polo cronista oficial de Viveiro, Carlos Nuevo Cal, o crítico literario Armando Requeixo Cuba e a xornalista cultural Montserrat Dopico González, aos que se suma Rosario San Isidro como representante do ente municipal.

O acto contará este ano coa animación da formación La Xácara, que ofrecerá varias pezas do seu repertorio de música do Século de Ouro, para o que á voz da soprano sumaranse instrumentos tradicionais como a arpa, a viola e a guitarra barroca.

A alcaldesa de Viveiro destaca a importancia de poder manter nestes tempos un prestixioso premio literario como o Vilar Ponte, que é un dos máis entrañables dos que se celebran e que en moitos casos supón un primeiro encontro dos gañadores con Viveiro, do que terminan sendo uns grandes embaixadores. Un idilio xa para sempre que adoitan completar con visitas a diversos puntos de interese do concello, no que quedan a pasar a fin de semana do premio para desfrutar da súa cultura, paisaxe e gastronomía.