Viveiro e Mondoñedo celebran con vídeos unha Semana Santa atípica

A pandemia non permite gozar dos eventos habituais, polo que o material audiovisual adquire unha gran relevancia
Exposición de Semana Santa en Viveiro. EP
photo_camera Exposición de Semana Santa en Viveiro. EP

A pandemia do coronavirus provocou un cambio radical na planificación de eventos, como podemos comprobar nesta Semana Santa. Con todo, que non se poidan celebrar as festividades de forma presencial non pode evitar que se participe nelas dunha forma distinta. É o caso de Viveiro, cuxa Semana Santa 2021 inclúe os cultos relixiosos nas igrexas –nos horarios habituais e cun aforo limitado ao permitido neste momento polas medidas anticovid– e unha serie de mostras, como se pode ver nun vídeo publicado polo TIC da Deputación de Viveiro: a exposición permanente dos claustros de San Francisco; outra de fotos antigas nos mesmos claustros; unha de fotos de Pasión viveiresa na Praza Maior, diante do concello, nuns paneis, a gran tamaño; e outra sobre os 800 anos da catedral de Mondoñedo, que pode verse no multiusos municipal.

Ademais, este xoves se están retransmitindo vídeos das procesións principais nas redes sociais da Xunta de Confrarías de Viveiro, cun gran éxito de espectadores.

Asemade, a banda de música O Landro estrea de xeito telemático unha marcha procesional titulada Ora pro Nobis, que se poderá ver a partir das 22.30 horas deste xoves en Facebook e Youtube. Este venres, á mesma hora, poderá verse o documental Memorias dunha banda, sobre a mesma formación.

Pola súa banda, en Mondoñedo o Concello inmortalizou a súa Semana Santa nun vídeo publicado este xoves. A obra repasa as imaxes máis relevantes desta celebración, que este ano poden verse no interior da catedral mindoniense.

O goberno local aposta así por manter "a tradición e o espírito" dunha Semana Santa" que tamén terá actos litúrxicos na catedral, dado que a diocese de Mondoñedo-Ferrol xa anunciou a suspensión das procesións.

Comentarios