Viveiro encara os días grandes

O desfile de xigantes e cabezudos marca o inicio dunha semana enteira de actividade
Xigantes e cabezudos polas rúas de Viveiro. J.M. PALEO
photo_camera Xigantes e cabezudos polas rúas de Viveiro. J.M. PALEO

Os xigantes e cabezudos sairon ás rúas de Viveiro este martes outra vez par recordar a veciños e visitantes que as festas patronais encaran os seus días grandes cunha semana chea de actividade. A comitiva estivo acompañada da agrupación Bágoas da Terra.

Este martes os nenos poderán desfrutar de novo do pasarrúas ás doce e media e e ás oito e media da tarde o grupo de teatro Aspanane actuará no Teatro Pastor Díaz. Ás once da noite está previsto o concerto de música cubana de Timbabana.

O mércores ás doce do mediodía terá lugar o acto de inauguración das festas co izado das bandeiras que estará acompañado da banda municipal e da Banda Tau. Os xigantes e cabezudos volverán a percorrer as principais rúas da cidade a partir das doce e media e ás sete e media levarase a cabo a inauguración da feira do libro. A noite estará amenizada pola música dos grupos Caxade e IPOP.

O xoves os máis pequenos poderán volver a correr cos xigantes e cabezudos no seu último pasarrúas e á unha na Praza da Fontenova a banda municipal de música dará un concerto curto. Ás dez da noite o Grupo América de Vigo actuará nos xardíns de Noriega Varela. O prato forte chega ás once da noite na Praza Maior co cantante arxentino Coti, que virá con toda a banda para a súa actuación durante a cal farán un repaso por toda a traxectoria musical do grupo.

O venres ás nove da mañá o grupo Bágoas da Terra amenizará a romaría no Monte de San Roque e ás doce do mediodía a asociación cultural A Rebolaxe estará a cargo dun pasarrúas. O grupo Garufa Blue Devils Big Band e Sito Sedes actuarán as dez da noite na Praza Maior e a medianoite terán lugar o tradicional espectáculo de fogos artificiais.

A xornada do sábado arranca á unha do mediodía co pasarrúas da Banda Naval de Cornetas e Tambores de Viveiro e ás seis da tarde haberá unha sardiñada nas Nogueiras que estará amenizada pola escola de gaitas Cacharela de Covas. O grupo Sons de Celeiro amenizará a velada nocturna na Praza Maior ás dez.

O domingo pecha as festas coa representación de Teatro de Humor no teatro Pastor Díaz. Pola noite, a partir das dez e media, o grupo Escolma de Meus dará un concerto na Praza Maior.

Comentarios