O viveirés Antón Ramallal decidiu quedar en Romanía pola boa situación do país

O mariñán estuda Ciencias da Actividade Física e do Deporte na cidade de Iaši
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Antón Ramallal, nunha visita a Brašov

Antón Ramallal Castro, viveirés de 20 anos, é estudante de Ciencias da Actividade Física e do Deporte na Universidade da Coruña, pero decidiu cursar o terceiro ano en Romanía na cidade de Iaši, onde o pillou a crise sanitaria do coronavirus. Di sentirse a salvo na residencia que comparte con outros alumnos internacionais, polo que de momento non pensa en regresar malia ás distintas opcións que lle ofreceu para facelo a embaixada española nese país. "Nunca foi unha idea que nos atraese dado que en España a situación está moito peor que aquí", sinala.

"Na residencia polo menos estamos todos xuntos xa que a maioría dos españois que estamos aquí quedámonos, e mentres non teñamos ningún problema para rematar o curso aquí o mellor é quedarse", explica o rapaz, que recoñece ao mesmo tempo que o único que lle fai en pensar na posibilidade de regresar á casa é estar coa familia. "Sei que algo preocupados están, principalmente por se se dese o caso de que me contaxiase, pois non é o mesmo ir a un hospital en España que en Rumanía, pero procuro falar con eles unha ou dúas veces á semana e iso tranquilízanos", engade.

En Rumanía tamén se suspenderon as clases universitarias e os estudantes descoñecen se se reanudarán, pero en principio pensan que poden rematar o curso xa que lles encargaron "proxectos para entregar na fin do semestre mediante email e seguir clases online en inglés ou en rumano con subtítulos. No caso de ter algún exame, cambiáronnolo por facer algún traballo de investigación ou similar", conta o estudante viveirés, que apunta que «a pesar da mala situación que atravesamos e a dificultade que nos supón para os que estamos estudando no estranxeiro, os profesores estanse esmerando e preocupando polo noso estado durante a cuarentena e propoñéndonos todo tipo de facilidades para que non se nos complique o curso académico aínda máis».

Contactou con nós a embaixada para ofrecernos alternativas para volver á casa, pero non nos atrae a idea

Coa cancelación das clases tamén se desaloxaron tódalas residencias de estudantes e reubicaron na mesma aos alumnos internacionais, un confinamento diferente que lles permite "facer moitas cousas e con moita xente durante o día, como xogos de mesa, tomar o café ao sol nun parque interior da residencia, facer algunha sesión vermú pola tarde, ver algunha película ou serie, cociñar e probar receitas xuntos", cita, polo que este tempo é máis doado de pasar que se estivese só na casa. "Quitando todo o triste e a mala que é a situación na que nos atopamos hoxe en día, poderíase dicir que estou contento aquí", recoñece.

Xa antes de que saltara a crise sanitaria o viveirés atopábase cómodo en Iaši, situada na parte oriental do país, preto da fronteira con Moldavia. "É unha das cidades máis grandes de Romanía e ten moito ambiente universitario, ademais de numerosos sitios de interese para acudir durante o día", entre os que o seu favorito é o Palacio da Cultura. "É o edificio máis emblemático da cidade xa que, ademais de ter unha torre de reloxo impresionante e infinitas habitacións, posúe, na súa entrada, a estatua dun antigo rei do país chamado Alexandru Ioan Cuza e do que a miña universidade obtén o nome", apunta.

Na familia están algo preocupados porque no caso de que me contaxiase non é o mesmo ir a un hospital de España que de Romanía

Antón Ramallal, que quixo ir de Erasmus a Rumanía para mellorar a súa competencia en inglés e nutrirse "dunha cultura totalmente distinta á que estaba acostumado", destaca tamén a "comodidade en todos os servizos da cidade, a amabilidade de todos os cidadáns independentemente de non dominar a lingua, a enorme variedade de actividades que se poden realizar e que ten un clima seco moi agradable, notablemente diferente ao que temos en Galicia".

O viveirés explica que en Rumanía a epidemia xurdiu "máis tarde que en España" e que a situación é mellor alí porque o goberno do país decretou "bastante cedo" o confinamento. "O positivo é que aquí anticipáronse bastante á propagación do virus xa que decretaron o estado de alarma cando apenas había 1.500 casos no país. Tamén inflúe que aquí a densidade da poboación é bastante inferior ca en España e o sistema sanitario é máis pobre e ten menos recursos polo que, non sei se máis por prevención ou por medo, as medidas tomáronse moi cedo", explica.

Aquí anticipáronse á propagación do virus e decretouse o estado de alarma cando apenas había 1.500 casos no país

Na actualidade están pechados todos os establecementos comerciais excepto "pequenos locais, supermercados e farmacias"; as saídas á rúa son só para a compra de alimentación, medicamentos ou outros produtos de primeira necesidade, "é obrigatorio" levar posta a mascarilla sempre que se saia e para facer as compras tamén hai que entrar "de un en un e esperar fóra con metro e medio de distancia entre persoas. Para facer calquera compra pódese ir, como máximo, en grupos de tres persoas", indica. No caso da súa residencia, agora hai controis de entradas e saídas no edificio, o que tamén dá unha maior tranquilidade aos que decidiron quedar alí nestes tempos.

Más en A Mariña
Comentarios