Os visitantes detectan máis vixilancia nas Catedrais e menos area na praia

Persoal da Xunta segue a patrullar a zona e completar a instalación dos carteis que advirten dos posibles perigos por desprendementos

Un funcionario da Xunta, este domingo nas Catedrais. EP
photo_camera Un funcionario da Xunta, este domingo nas Catedrais. EP

Os visitantes do monumento natural de As Catedrais, que pese á choiva seguían achegándose este domingo ao enclave aínda que non sexa tempada alta, comunicaron que tiñan visto máis presencia ou vixilancia de axentes autonómicos. A nivel oficial, non trascendeu ningún tipo de información sobre que se teñan incrementado os efectivos de vixianza na zona, unha semana despois do accidente mortal, pola caída dunhas rochas nunha cova, que sofríu unha turista.

O máis probable é que se trate dos axentes que estaban a axudar a técnicos autonómicos desde o venres a instalar os novos carteis de advertencia sobre as prohibicións e os perigos cos que o visitantes se poden atopar nas Catedrais.

É posible que aínda estean a completar a colocación da nova carteleiría e que por iso sigan na zona. Ou que, simplemente despois de ter instalado as novas normas, estean supervisando se en efecto a xente que chega as le e as cumpre.

SEDIMENTOS. Outra das opinións dalgúns dos visitantes este domingo á praia é que falta area. Sen chegar a converterse nunha zoa de pedras, como o anexo areal barreirense de Arealonga, algo de sedimento ten perdido o lugar por mor dos últimos temporais, pero os xeólogos consultados cren que simplemente o mar acabará recubrindo de novos estes espazos.

Onde máis se aprecia a falla de area é mesmo no acceso á praia. De feito, isto afectou ao último chanzo, máis perigoso por esta razón. "Os temporais deste inverno levaron consigo boa parte da area e das pedras que sustentaban este último paso antes de poñer os pés na praia", sostiña dende hai días o ribadense José Ángel Salvatierra,membro de varios colectivos veciñais.

"A diferencia do verán pasado, o chanzo está practicamente no aire e a distancia que hai que salvar para baixalo é duns 80 centímetros ou máis, é dicir, que isto supón a altura de cinco banzos nun só. Por iso se ve a moita xente que o último escalón ten que sortealo con axuda. Aquí un tropezón pode dar lugar a un accidente grave", sinala o ribadense que foi medir esa altura, el mesmo en persoa, esta pasada semana no acceso á praia.

Comentarios