viernes. 14.05.2021 |
El tiempo
viernes. 14.05.2021
El tiempo

Unha vida xuntos entre dúas pandemias

undefined
José e Herminia celebrando en Castelo os 80 anos de casados. ARQUIVO FAMILIAR
Naceron pouco despois da chamada gripe española e casaron moi novos. Herminia e José acaban de celebrar oito décadas que son toda unha aventura en moitos aspectos e que dan para contar moitas vivencias

Poucas curas de realidade haberá mellores nestes tempos de pandemia que falar distendidamente da vida con quen atesoura case 100 anos de experiencia vital. José López e Herminia Crego acaban de celebrar os 80 anos de matrimonio, suficientes para falar do amor, dos cambios e atrancos da vida; tamén das dificultades ás que nos enfrontamos os que vimos detrás deles. Prefiren vivir o momento con humor e poida que o mesmo sexa a mellor receita: "Nós xa temos o pasaporte firmado", din cun sorriso baixo da máscara, cando os visitamos en Castelo, unha parroquia que está moi cerquiña da fábrica de Alcoa.

O tema agora é o covid-19, ao que Herminia lle chama a peste. Ela mesma se considera un pouco filla daqueloutra gran pandemia, a gripe española de 1918: "Cando nacín houbera esa gran peste, meus pais estiveran enfermos un mes na cama, sen poder saír da casa e cando melloraron un pouco fixéronme a min". Agora os dous están vacinados, aínda que a Herminia fáltalle a segunda dose. Pepe di que aos oito días de poñéla estivo mal do ventre e con vómitos pero non lle dá importancia. "Creo que foi a raíz diso pero non o sei, de momento aquí non chegou este virus, que é moi raro", di.

Con 98 anos, pregunta con toda lucidez polos veciños de vello sen esquecer aos mellores, aínda que xa non estean: "Francisco Rivera, o mestre de San Cibrao, era ouro de lei, a persoa máis sana que coñecín na miña vida". A lonxevidade apórtalle perspectiva histórica e humana. Garda unha foto de neno con seu bisavó, Manuel Pita Montenegro, que fora alcalde de Cervo e morrera con 91 anos. Tamén súa nai durou ata os 94.

"Cando nacín houbera esa gran peste, meus pais estiveran enfermos un mes na cama, sen poder saír da casa e cando melloraron un pouco fixéronme a min", conta Herminia

Os pais de Herminia superaron asemade os 80 anos e percorreron boa parte do municipio. "Un era da Senra, outro de Morás; foron para a Arxentina e dunha volta que volveron xa quedaron, pois había unha folga moi dura aló. Eu nacín en Río Covo, meus pais tiñan taberna e foron para Cervo, dalí a San Cibrao e cando estalou a Guerra Civil marcharon a Vilaestrofe, onde puideron poñer algunha pataca para poder comer. Dende hai 80 anos vivo aquí en Castelo, acabóuseme o paseo".

undefinedAínda ten medo á guerra. Cando as ve por televisión, incluso colle mal corpo agora, logo do que tivo que ver aquí naqueles tempos. "Nosoutros agora vivimos felices, temos un fillo de 80 anos na Coruña, Pepe, e unha filla de 73, Marifé, con catro netos enxeñeiros e un bisneto de dous aniños; e con outra neniña en camiño".

O namoramento relátano con austera sinxeleza: "Éramos primos segundos, íamos comer uns á casa dos outros e tamén había que ir coas vacas". Casaron en 1941. Pepe aporta algún detalle máis: "Ela tiña 17 anos e eu 19. Casamos porque pensei que botando aló tres anos ao mellor á volta non a atoparía". Aínda acorda os cinco días que lle levaba a viaxe dende Melilla, aínda que despois pasaría ano e medio de servizo en Madrid nunha unidade de automobilismo. O carné de conducir que sacou en Lugo, onde lembra as súas paradas no hotel Fornos, axudoulle a ganarse a vida coa explotación dos montes e a madeira pero agora ve o rendemento deste sector con escepticismo e máis se lle preguntamos por Alúmina-Aluminio. "O de Aluminio atrasa moito a todo o mundo, é moi triste pola xente nova", lamenta Herminia.

"Expropiáronnos a metade do que tiñamos para o encoro de Río Covo. Collemos aí uns cartos pensando que eramos ricos pero nada. Para os da zona que traballaban ou traballan nela é bo, pero máis viñeron de Asturias ou Valladolid. Compráronse pisos e montáronse hoteis e chiringuitos pero agora a ver se non pecha todo", di López.

A súa memoria histórica agocha un triste precedente, que xa afectara aos antergos: "A antiga fábrica de Sargadelos empregaba a mil obreiros e cando pechou non quedou outra que facer as Américas. Desta casa marcharon sete para a Arxentina e doutras dúas de achegados tamén sete persoas de cada unha. Sargadelos pechou porque daquela xa había política tamén polo medio. A Real Fábrica empregaba daquela a mil persoas e puxéronlle lume. Polo visto había uns señores que tamén necesitaban obreiros e acabaron co dono e coas fábricas. Despois pasou coma sempre, viñeron catro espabilados e todo foi a menos".

Teñen visto como case todo cambiou e na política "a cantidade dos que se apuntan a chupar do bote vai a máis; antes o que traballaba vivía pero agora ao que traballa quítanllo para darllo aos mangantes, e así imos", cre Pepe. Aínda que tamén houbo avances para ben pois a vida de Herminia centrada no agro e na casa mellorou co que ela chama "o primeiro regalo moderno". A lavadora quitoulle o de lavar no río.

E para o seu home a chegada do primeiro coche foi un gran paso: "O primeiro que tiven, cando en Cervo só había dous e un en San Cibrao, comprárallo polos anos 50 a Calvo, que vendía viños en Viveiro. Era un Saxon e practicamente foi feito a cachos. Custárame 15.000 pesetas".

Antes de subirse nel as viaxes pola zona eran en bicicleta: "Non había banco senón en Viveiro e dunha vez que fun buscar 100.000 pesetas para pagar a madeira que compraba levei un bo apuro cando se me puxo detrás ata Xove outro home nunha bicicleta. Daquela aínda había escapados polo monte e paseinas de a quilo. Eran outros tempos".

Teñen dous fillos, catro netos, un bisneto e "outra neniña en camiño"

OS CARTOS E OS BANCOS. O asunto dos cartos, á hora de buscalos ou gardalos, cambiou dabondo. "Non había bancos como agora pero polo menos pagábanche se tiñas algo alí. Sabías que había un interese pero agora cóbranche, tés unha renda que pagarlles por eles", explica asombrado.

Porque a súa vida laboral deseguida pasou da carpintaría a mercar piñeiros para as minas de Ponferrada, ou para as serras, as rollas máis gordas. E sen axuda dos tractores. "Era un traballo escravo porque había que cargar os camións ao ombreiro; eu logo tiven máquinas alugadas. Acordo que para esta zona a primeria motoserra que veu foi unha miña, McCulloch". A madeira é a súa paixón, tanto que ata as mellores vacacións que recorda as disfrutaron na illa de Madeira.

"Os montes estaban a toxos e volverán a estar se non se coidan pois ó produto cárgaselle moito o carro cos impostos. Daquela daba moitos postos de traballo. Eu tiña unha cuadrilla asegurada e cando empecei podía pagar un soldo co valor dunha peza de seis pulgadas cando agora para pagarlle a un home fan falta tres toneladas de madeira. A pesar de que había que facelo case todo a man, as cousas ían para arriba e sempre había marxe, por iso saíu moita xente como os Salgueiro, os Fortunatos, Couso, Hermida...".

Este cervense di que o que máis lle entusiasmou sempre foi comprar montes e plantalos pero tamén tivo outra actividade: "Collín a representación de Biona para Cervo e Burela e incluso estiven na inauguración da fábrica de piensos do Porriño. Traballábase moito pero tamén andivemos de parranda. Era un mundo distinto ao actual porque agora nin se traballa nin se anda de festa".

Tamén acorda os domingos de celuloide. "Íamos ó cine Basanta en Celeiro —lembra—, un dos mellores". En realidade, antes íase a Viveiro para case todo, porque os servizos nos pobos eran escasos, e dun tempo para acó xa non se vai a case nada, recoñece. "Daquela, sen automóbiles, había dous coches de liña a Viveiro, un do Fanego e outro do Gallego, con xente colgada polas portas", acordan.

undefinedCoinciden os dous en que el nunca foi de partida ou chatos nas tabernas, nin de chegar fóra de hora. O lecer da pesca si que non o perdoaba, incluindo visitas aos grandes ríos: "Levábamos ao gardarríos con nós ao Eo, e nunca tantos salmóns teño visto xuntos como no Pozo da Ola, na Pontenova, aínda que eu só lles mirei a barriga pratear ao sol".

"Gustábame —explica—, comer no Seara, o mellor restaurante de Viveiro. A Burela tamén tiña que ir moito polo meu traballo de embarcar madeira e había unha taberna que lle chamaban 'do tío Dios' que era unha casa de comidas onde cociñaban moi ben. Recordo algunha anécdota cando preguntaban polo tío Dios e saía o dono, Jesús".

Ao falar de festa, a propia Herminia fala do que hoxe nin se pode celebrar xa na volta: "o Outubro, San Roque, Santa Isabel, San Pedro". A súa vída transcorre agora na tranquilidade do pobo, na compaña do seu canciño Rocky, que "é coma un fillo", e ao coidado e agarimos da burelesa Gema. Tamén coa visita dominical do burelés Pepe do Crego, irmán dela ou cando se xuntan coa familia. Preferiron incluso non coller un teléfono móbil. Agora non o necesitan pero cando Pepe andaba na madeira recoñece o atraso das comunicacións: "Para falar con Ponferrada, dende Burela podía botar medio día e ás veces era máis rápido pedir a conferencia chamando a Viveiro".

"Discutimos pero non de verdade"
undefinedHerminia e José son da quinta do finado Felipe de Edimburgo e Isabel II. Sorprendeunos o pasamento do consorte británico porque o vían moi ben pola televisión. Alomenos lles parecía bastante rufo e sempre a uns pasos da raíña. "No económico, el casou mellor ca min", bromea este cervense, pero coinciden en que non lle gardan envexa á parella británica. "Por ese lado, tanto dá comer unha pataca cocida como outra cousa", recoñecen.

De feito, a austeridade da cociña de sempre, coa tradicional pota fervendo ó lume, é unha ocupación importante nas mañás de Herminia. "Comemos do que temos, caldo, sopa, patacas cocidas e fritas, carne...", di ao preguntarlles por algún segredo da súa lonxevidade. Ela recoñece que lle gustan moito "os torreznos con patacas cocidas". 

E no amoroso, tamén receitas tradicionais. Din que en tantos anos discutiron moitas veces, "pero non de verdade". "Nin escapou ela nin eu, pero nas parellas hoxe en día é diferente", sinala Pepe. Dende o tempo de mocear, eles acordan que "moito choveu". "Aquí alindábanse as vacas e cando chegaba un cego cun acordeón bailabamos con el nun souto pero as parellas de Viveiro aproveitaban as tardiñas polas xunqueiras de Verxeles", asegura Pepe.

Unha vida xuntos entre dúas pandemias
Comentarios