Os Versos na Baixamar levaron a poesía á praia barreirense de Reinante

Yolanda Castaño recitou fragmentos dun novo libro e tamén interviron Lois Pérez, Paula dos Anjos e Natalia Alonso
Lois Pérez fixo de mestre de cerimonias e presentou as poetisas (detrás). JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Lois Pérez fixo de mestre de cerimonias e presentou as poetisas (detrás). JOSÉ Mª ÁLVEZ

A praza da praia de Arealonga en Reinante foi o escenario do segundo recital poético Versos na Baixamar organizado polo Concello de Barreiros, no que interviu a poetisa Yolanda Castaño e as tamén autoras Paula dos Anjos e Natalia Alonso, co narrador oral e asemade poeta Lois Pérez como condutor do recital.

Aínda que ameazaba choiva e caeron unhas gotas, o evento puido celebrarse con normalidade, segundo destaca o concelleiro de cultura barreirense, Daniel García, moi satisfeito por este recital realizado "con vistas ao mar para que o enclave fora aínda máis bonito" e ao que se sumaron numerosos veciños. Empezou con Lois Pérez, que puxo as súas verbas sobre unha base musical de ukelele e deu paso en primeiro lugar a Paula dos Anjos e despois a Natalia Alonso, as dúas focenses, para rematar con Yolanda Castaño, que "recitou algún poema aínda inédito, dunha obra que vai publicar o mes que vén". Con esta edición García ve que esta aposta poética se xa afianza agarda "organizar para o ano a terceira edición".

Ao rematar o recital entregáronse os premios dos certames de debuxo e narración convocados pola biblioteca co gallo das Letras. En debuxo resultaron galardoados Julia Villapol Bello, Hugo Vázquez Lanza, Uxía Sánchez Febrero, Mateo Villapol Bello, Jesús Rodríguez Fernández, Alejandro Paz Gam, Jimena Fernández-Reinante Pérez, Anxo López Val e Aaron Rodríguez Entrerríos. No relativo ao certame de narración, os premiados foron Carlota Mosquera Pardeiro, Naiara Pérez Lorenzo, Xela Veiga Iglesias, Selene Calleja González e Jimena Fernández-Reinante Pérez. Recibiron diplomas, material escolar e libros en galego.

Comentarios