"A ver se podo facer en 2019 a maratón de Londres e so me quedaría Boston dos seis grandes"

Simón González Río acadou o título absoluto da Carreira das Praias de Barreiros. O fondista burelés quere completar nos vindeiros anos a totalidade das maratóns máis relevantes do mundo

SImón González. AMA
photo_camera Simón González, chegando a unha meta

O alto do podio da categoría masculina da sexta edición da Carreira Popular das Praias 2018, que transitou polos areais de Arealonga, As Pasadas, Lóngara, Fontela-Balea, Coto, Remior, San Bartolo e Altar, foi ocupada por un mariñao, o burelés Simón González Río.

Simón González (Burela, 1986) impúxose cun tempo de 35 minutos nunha competición na que tomou a cabeceira despois do primeiro terzo e xa non deixou que se achegasen os seus rivais. A 23 segundos do burelao entrou o coruñés Alberto Molís (Marineda Atlético) e 2 minutos e 22 segundos máis tarde facíao Alejandro Villalba, do Club Atlético Lourenzá. Despois de pasar preto de medio ano vivindo en Londres, o que fixo que se perderá as carreiras populares da contorna que se celebraron durante o inverno e a primavera, no seu retorno a Burela, Simón aproveitou para volverse facer ver. Unha semana atrás facíase coa 5ª praza na 15K A Mariña Banco Mediolanum (Burela-Foz) e antonte impoñíase na proba de Barreiros.

Como foi a proba?

Durante os primeiros 2 ou 3 quilómetros foi por diante, cuns 5 ou 10 metros de vantaxe, Alberto Molís, un rapaz da Coruña que finalmente foi segundo. Unha vez que collín eu a dianteira, fun controlando e xa non a deixei ata o final. Estou contento porque unha vitoria sempre está ben.

Esta carreira é moi diferente ao combinar area con cemento?

Si, imos un pouco polo paseo e polas escaleiras para subir e baixar entre praia e praia. Resúltame divertida e orixinal, porque son bastantes quilómetros pola area e polo menos aquí na Mariña non temos outra así. Creo que ese é o seu atractivo principal e sempre me resultou moi interesante.

Tamén está contento coa súa quinta praza na 15K A Mariña Banco Mediolanum (Burela-Foz)?

Si, si, contento porque creo que estivo ben. Nesa proba, ao haber xa premios económicos, sempre fai que se anime xente máis profesional e polo tanto o nivel sexa máis alto.

Estivo vivindo fóra uns meses, correu estas probas agora, pero vai estar nas vindeiras que se celebren pola zona?

Non sei o tempo que estarei por aquí, pero mentres estea a miña intención é participar en varias. Sei que no calendario xa hai unhas cantas, pero aínda non decidín a cales ir. É moi posible que vaia este próximo sábado á da Pontenova. Apetéceme ao servir ademais de homenaxe a Tito Margaride. E polo que me contaron outros corredores, vaia estar moi ben porque discorre por uns sendeiros preciosos.

Parou de adestrar en Londres?

Non, non parei. Gústame correr, é a miña afección.

Canto tempo lle pode dedicar á semana a prepararse?

Varía dependendo de se estou preparando un maratón ou non teño nada específico en mente. Nese segundo caso adestro simplemente para seguir estando en forma. Cando non estou na preparación dun maratón, adestro en función das miñas sensacións.

Aproveitou a súa estadía en Inglaterra para correr algunha proba aló?

Si, a mediados de maio corrín o maratón de Eastbourne, unha cidade que está no sur de Inglaterra. E logo tamén aproveitei para participar nun medio maratón e noutras competicións máis curtas.

E como lle foi en Eastbourne?

Pois quedei campión, pero é un maratón pequeno que ten de especial que se corre nunha pista de atletismo.

Ten en mente correr algún outro nos próximes meses?

Seguramente en outono faga algún, pero non o decidín aínda. Habitualmente corro un en outono e outro na primavera.

Vostede xa ten no seu currículo conseguir rematar catro dos seis grandes majors: Berlín, Nova York, Chicago e Tokio. Quédanlle Boston e Londres. Logo de estar na capital inglesa, non lle apetece tamén ir a por este?

Quero facelo, pero este ano non puido ser. Para entrar por marca tes que ser residente en Inglaterra e senón tes que ir a un sorteo, pero hai un montón de solicitantes e é difícil. Córrese en abril e neste pasado mes de maio fixen xa a solicitude para participar no do ano que vén. Agora a ver se teño fortuna e desta volta me toca unha praza.

Comentarios