Pontón: "Van deixar o Goberno e a Xunta que A Mariña afunda? Nós non"

Ana Ponton
photo_camera Ana Ponton. PEPE FERRÍN

Ten solución Alcoa?
A solución está clara e pasa pola nacionalización de Alcoa. Esa receita xa serviu para salvar unha planta similar en Cerdeña e acabamos de ver que Merkel tamén o fixo con Lufthansa. Por que non podemos nós facer unha intervención pública para salvar Alcoa? Non é salvar Alcoa, senón os traballadores e unha comarca enteira. Que os que nacionalizaron a banca e socializaron as súas perdas con 90.000 millóns nos digan que non é posible nacionalizar a fábrica de San Cibrao é algo inaceptable. Non se pode deixar caer un sector estratéxico nin o 30% do PIB de Lugo, pero non hai nin unha proposta sobre a mesa. Confío en que a partir do 12-X o BNG lidere este Goberno e unha das primeiras medidas que tomará será a de nacionalizar a fábrica e reclamar unha tarifa eléctrica galega.

No seu acordo de investidura de Pedro Sánchez levaban salvar Alcoa. Que fará o BNG se o PSOE non cumpre a súa parte?
A situación mudou desde entón. Agora non hai unha ameaza senón unha proposta real de peche sobre a mesa e non podemos seguir operando cos mesmos criterios. Alcoa tomou a súa decisión… Van deixar o Estado e a Xunta que A Mariña afunda? Se depende do BNG, non. Imos facer presión para conseguir a única solución legal, real e posible, que pasa por unha intervención pública e por unha tarifa eléctrica galega. Non podemos ver normal que peche unha industria en Galicia polos custes da enerxía cando aquí producimos electricidade a esgalla. É un disparate!

"É inaceptable que os que nacionalizaron a banca con 90.000 millóns digan agora que non é posible facelo con Alcoa"

Non contempla a venda?
Non é unha opción real porque Alcoa non quere vender, quere pechar. E xa vimos o que pasou na Coruña, onde se vendeu a planta co aval de PP e PSOE dicín- donos que era a solución e logo o comprador estaba especulando para vender de novo a fábrica.

En Galicia hai máis empresas ameazadas.
O BNG levaba meses alertando da crise industrial: a electrointensiva, o naval, a automoción… Levamos once anos sen política industrial e non podemos seguir así porque as consecuencias vémolas agora. Hai que encarar este proceso sobre novas bases como innovación, ciencia, coñecemento, sustentabilidade… Debemos pechar aquí os ciclos produtivos.

Esta crise amosou a importancia do sector primario.
Un dos grandes debates que estamos vendo e que cuestiona a globalización neoliberal é que non serve xa o modelo no que uns producen e outros consomen. Na pandemia o que vimos é que aqueles que producen están en mellor posición para afrontar a situación. Nós en Galicia temos unha capacidade e unha calidade enorme no noso sector agrogandeiro ou no mar, pero en realidade o que vemos é que somos un dos territorios da UE con menos superficie agraria útil. Iso significa destruir capacidade produtiva e, no fondo, destruir emprego. Galicia podería duplicar ou triplicar a súa produción de alimentos. E non só alimentos sen transformar senón xerar industria para producir a nivel local, que ten menos impacto ambiental e axuda a desenvolver o país. Se alguén leva tempo defendendo algo así nete país é o BNG. Así que quen mellor para construír a Galicia do futuro? Non imos saír desta coas vellas receitas de sempre. Necesítase aire fresco na Xunta. É inaceptable que os que nacionalizaron a banca con 90.000 millóns digan agora que non é posible facelo con Alcoa»

Comentarios