O Valadouro no corazón

► A Festa da Primavera empezou co pregón da xornalista Susana L. Montes, quen animou a impulsar o rural e lembrou o papel das mulleres
Susana López Montes, nun momento do seu pregón. JOSE Mª ÁLVEZ
photo_camera Susana López Montes, nun momento do seu pregón. JOSE Mª ÁLVEZ

O Mercado de Primavera de Ferreira arrancou o venres co pregón da xornalista de El Progreso Susana López Montes, quen no salón da Casa da Cultura lembrou as súas orixes no municipio, falou do que supón esta feira e puxo en valor o medio de vida no rural ou o papel das mulleres.

"Son Susana e son a filla de Juan do Villarao, o alcume dese pedaciño de terra de onde procede toda a miña familia paterna. Un sitio pequeno en extensión, pero moi grande no corazón", dixo a pregoeira logo de agradecer a invitación para este acto, que lle facía "moita, moita ilusión". "É moi importante non esquecer nunca de onde vimos e eu fágoo dunha familia humilde, que soubo transmitir valores como o esforzo, o respecto e a tolerancia; ese 'ser boas persoas e que non falen mal de ti', como me dicía a avoa María", continuou. Un Villarao repleto de recordos alegres e en contacto coa natureza está na memoria da pregoeira, que nunca perdeu os vínculos co municipio e mantén "os mesmos amigos de sempre, cos que comparto viños en Ferreira e festas en Allegue".

O Mercado Tradicional da Primavera, dixo, supón o inicio do calendario de festas da comarca e medrou "a pasos axigantados" dende o seu nacemento en 2007 a iniciativa da ACD O Valadouro co apoio dos hostaleiros e do Concello. Sinalou que a feira supón "un escaparate da localidade" e unha porta para descubrir todos os recunchos do municipio. Lembrou que as feiras que se facían antigamente en Ferreira "trouxeron o despegue da vila" e neste senso recoñeceu "a todas as xentes que fixeron medrar o concello adicándose á agricultura, á gandería, ao comercio, á hostalaría e a outros negocios".

Tamén quixo subliñar "o papel das mulleres" e trasladou a súa homenaxe ás "xeracións que coidaron dos fillos, dos maiores, da casa, que traballaron no campo e aprenderon a cociñar, a coser ou a bordar porque a música, a política ou a medicina eran opcións coas que non podían nin soñar". No seu caso, foi a primeira da familia en acceder á universidade, o que daquela supoñía "tocar o ceo". Ademais avogou por protexer o ensino público e a sanidade e poñer os medios para que quen o desexe poida traballar no rural.

No final da intervención a pregoeira falou da importancia de manter as tradicións como son no Valadouro as feiras de gando, a Festa da Castaña ou a Feira do Mel, e animou a facer unha exposición de fotos antigas ou recompilar dalgunha maneira as que teñan os veciños "para conservar ese pasado que é noso, pero tamén dos nosos fillos e netos".

Tralo pregón houbo demostración de música e baile de zocas coa asociación Amado Lar e o concerto de Caamaño&Ameixeiras.

O mercado ten hoxe o día grande, coa apertura dos postos das dez da mañá ás sete da tarde. Pola mañá haberá demostracións de oficios artesáns, animación musical con Os Fandangueiros, Amado Lar e Os Parentes, e concursos de zocas decoradas e indumentaria tradicional.

Pola tarde habilitarase xunto ao aparcadoiro a zona infantil con paseos a cabalo e xogos tradicionais, que tamén haberá no cantón da praza a partir das catro e media. Ás cinco Mircromina representará 'Raio the loubican' e ás seis, Inventi Teatro interpretará "As palabras perdidas". De forma paralela á mesma hora haberá un concurso de habilidades de condución de tractor. Actuarán Festicultores Troupe e Mekánika Rolling Band e pola noite, Treixadura, Anxo Lourenzo, Mileth, Orgasmatrón e DJ Conxuro para pechar a festa.

Comentarios