Compañeiros inseparables: unha mastín de Lourenzá adopta un burro adquirido pola súa propietaria

A mastín Rege adoptou ao burriño Tor, que chegou a Lourenzá en outubro e ao que trata como se fora o seu fillo
photo_camera Rege e Tor, compañeiros inseparables en Lourenzá. EP

A chegada do burriño zamorano Tor á casa de María del Amor, en Lourenzá, fixo que a cadela mastín Rege sorprendese co seu comportamento ao actuar con el coma unha nai. Aínda que non é a primeira vez que actúa así, pois xa coidara de varios años cando algunha das ovellas tiña máis dun. Tor chegou en outubro do ano pasado con só cinco meses. "Púxeno cos outros dous burros, pero el só quería estar coa cadela", conta a súa dona, quen recoñece que se deron onta de que "adoptou ao burro, porque compórtase con el como se fosen nai e fillo".

María del Amor explica que "xogan, lámbeo e se alguén de fóra se achega deféndeo. Ata se deita como se lle quixese dar a teta". Rege é un exemplar de mastín español, de cinco anos, que cando algunha ovella tiña máis dun año sacáballo á nai e escapaba. A propietaria cre que debía pensar que "con coidar un tiña abondo".

Rege non foi nai, pero ten ese instinto maternal, asegura a súa dona. "Un día perdeuse o neno e estaba con el no monte. Agora está encantada co burriño, non se separan un do outro máis de dous metros. Tor é como un algodón de azucre". Pensa que tanto Rege como Tor son especiais e considera "extraordinaria" esa relación entre especies diferentes, na que o burriño imita o comportamento da cadela. De feito, teñen a mesma rutina.

María está moi comprometida coa conservación desta especie. "É un animal que me encanta, paréceme superdócil, penso que non debe desaparecer, aínda que está en perigo de extinción". 

Mercou a Tor despois de asistir a un curso de manexo coa Asociación de Criadores do Asno Zamorano-Leonés (Aszal) que asegura que "pode facer moitos traballos", aínda que ela ten en mente crear unha pequena explotación enfocada ao ocio facendo terapias con eles. Conta que en León ordeñan as burras e fan "un queixo espectacular" coa leite.

Para María, os burros son un complemento e unha afección. "Saio pasear con el e coa cadela". Ademais séguese formando e está en contacto coa asociación Tomás Rábanos de Ames, que fai terapias con burros.

Comentarios