Jueves. 15.11.2018 |
El tiempo
Jueves. 15.11.2018
El tiempo

Unha sorpresa inesperada

Alexi e Amanda, na casa da cultura de Burela. JOSÉ Mª ÁLVEZ
Alexi e Amanda, na casa da cultura de Burela. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O concerto da xove orquestra de Burela trala lectura do pregón das festas patronais inclúe un solo de violonchelo acompañado dunha coreografía

Aínda se respiran moitos nervios no ambiente, pero as tablas que os dous xa teñen nos escenarios farán que desaparezan unha vez diante do público. Amanda López, de 13 anos e de San Cibrao, e Alexi López, de 17 e de Burela, serán este sábado uns dos protagonistas da actuación da xove orquestra de Burela (Xormubu) que pertence á escola de música. Eles abrirán a actuación cun solo de violonchelo acompañado dunha coreografía. "É un proxecto moi bonito, porque non é habitual que se misture a música co baile", di Amanda.

Amanda será a encargada de interpretar o solo de violonchelo e farao cunha obra escrita por Camile Saint Saens, O cisne da obra O entroido dos animais de 1886. A coreografía será de Alexi, que aínda que habitualmente toca a viola, esta vez pon en práctica a súa destreza co baile. "Eu practico baile deportivo e este estilo nunca o fixera", recoñece. Sen embargo non dubidou en aceptar a proposta do director da escola, Xan Carballal, para facer unha coreografía acorde coa peza clásica. "Vou ser un cisne que baila a súa última danza, polo que teño que darlle un aspecto de tristeza que contrasta coa miña personalidade que é moi alegre, pero Amanda toca dun xeito moi expresivo e iso axúdame, polo que me está gustando", asegura.

Amanda López, violonchelista: A peza que vou interpretar é moi lenta, polo que teño que afinar moito e tendo que tocar soa a melodía teño algúns nervios

A música é coma un idioma, todo o mundo debería aprender a tocar un instrumento

Para os dous esta é unha experiencia nova, porque as súas actuacións acostuman a ser co resto de compañeiros da banda. "Non é o mesmo tocar coa orquestra, que estás máis camuflado, que facelo só porque eres ti quen fai a melodía", explica Amanda, "neste caso é unha canción moi lenta e tes que afinar moito". Por iso tamén os dous compartirán unha experiencia distinta e están ilusionados, pero á vez sinten a presión que están seguros que pasará cando cheguen ao escenario: "Os nervios dánche moito subidón e despois dende que todo pasa a sensación que che queda está moi ben", asegura Alexi, ao que Amanda replica que esa sensación de despois de actuar "é o máis bonito".

Non só será a primeira vez que se enfronten a algo diferente e sós de xeito individual, senón tamén a primeira vez que actúen facendo equipo. "Non ensaiamos moito, pero estamos ben", aseguran e asumen a actuación como un reto dentro dunha orquestra na que xa levan anos. Os dous mozos son uns apaixonados da música. Ningún deles quere deixala, aínda que Alexi xa ten claro que quere enfocar o seu futuro no baile. Amanda ten máis dúbidas: "Dixéronme moitas veces que se quería podía ter futuro na música, pero a min tamén me gustan outras cousas coma o debuxo e non sei aínda o que farei, pero o que teño claro é que non quero deixar de tocar o chelo e sempre teño tempo de elixir".

Alexi López, coreógrafo: Teño que dar un aspecto triste que contrasta coa miña personalidade pero Amanda toca dun xeito moi expresivo e iso axuda

A xente que non sinta a música que non se meta porque, sobre todo ao principio, implica sacrificio

Escoitalos falar de música é darse conta de que a viven: "A música é coma un idioma, todo o mundo debería aprender a tocar un instrumento", di Amanda, ao que Alexi engade que "a xente que non sinta a música que non se meta, porque sobre todo ao principo implica moitos sacrificios". Os dous tocan instrumentos semellantes e teñen moi claro porque os elixiron. "Elexín o chelo pola súa tesitura, porque non é nin moi grave nin moi agudo", describe Amanda, "ten un timbre moi doce e con el podes facer melodías, acompañamentos. É como a voz humana". Algo no que está de acordo Alexi. Tamén coinciden en valorar moi positivamente a experiencia de formar parte dunha orquestra como é a Xormubu.

Festival
A escola de música ofreceu o concerto de fin de curso


Os alumnos da escola de música de Burela celebraron este xoves no auditorio da casa da cultura o seu tradicional concerto de fin de curso, que tamén se inclúe no programa das festas patronais. A idea é , segundo explicou o director Xan Carballal, que o alumnado do centro comparta unhas horas co público.

Programa
As actuacións empezaron cos alumnos máis pequenos. Así, comezaron os de formación básica e do coro infantil para continuar despois coa orquestra tamén infantil. A continuación actuaron os estudantes da aula de canto e seguíronnos os alumnos de percusión, un combo rock da área de guitarra e o grupo de jazz da escola. O festival rematou coa intervención da banda da escola dirixida por Bruno Álvarez.

Público
Como é habitual neste tipo de concertos, o auditorio encheuse de público para gozar coas actuacións. Nas butacas non faltaron familiares e amigos dos músicos.

Unha sorpresa inesperada
Comentarios