Unha Osa inmune

O festival de Burela regresa hoxe a pesar das restricións cun formato máis reducido pero ofrecendo dous días cargados de boa música
Una edición pasada da Osa do Mar.AMA
photo_camera Una edición pasada da Osa do Mar.AMA

O festival Osa do Mar regresa este venres cun formato un pouco máis reducido do que era habitual, pero de todos modos encherá de música a praza do Concello de Burela durante dúas xornadas. Un total de nove bandas compoñen un elenco que os membros de Fanto Fantini, capitaneados por Diego Campo, buscaron con esmero. Delas poderán gozar só 500 persoas, debido ás medidas que hai que aplicar pola pandemia. A pesar de todos os obstáculos que se atoparon no camiño, Campo está moi contento coa resposta do público.

"A verdade é que se cubriu todo o que agardabamos. Este pasado luns xa se acabaran os bonos que sacaramos á venda e só quedaba algunha entrada solta por día", apunta. O organizador relata que "tivemos que ter en conta un montón de cousas que non eran necesarias previamente, como o tema do aforo, distancias entre asistentes e ubicalos sentados, entre moitas outras cousas", afirma. "Imos ter uns accesos delimitados, haberá unha zona para fumadores, baños e hai que cumprir coas medidas de seguridade, así que haberá xel na entrada e a obrigatoriedade de estar coa máscara", relata. A organización decidiu que poidan estar xuntos grupos dun máximo de oito persoas e para sentarse "imos ter unha combinación de pacas e cadeiras".

Campo pídelle ao público que non acuda sobre a hora do inicio do festival. "Desde ao redor do mediodía de hoxe imos abrir xa a taquilla da praza do Concello para que a xente poida ir recollendo as pulseiras de xeito escalonado e así evitar que se produzan aglomeracións", sinala. O público colocarase nos asentos por orde de chegada.

HORARIOS. O festival dá comezo hoxe ás nove e media da noite no escenario Vibra Mahou da praza do Concello co concerto de Veintiuno, aos que seguirán Los Rastreadores, o proxecto de Ortiga e o mariñao Nuno Pico, rematando a primeira xornada coa música electrónica de Delaporte, que arrincará ás once e media da noite. A xornada de mañá dará comezo á unha da tarde coa tradicional sesión bearmú, que estará amenizada por Moura e Black Friday.

Xa pola noite terá lugar a segunda e última noite de concertos. Comezarán ás oito e media os composteláns de Blanco Palamera, seguidos de Verto (21.30 horas), Niña Polaca (22.30) e os muradáns The Rapants (23.30), que serán os encargados de pechar esta edición do festival.

O director do evento tamén se atreveu a facer unha serie de suxestións puramente musicais. Diego Campo recomenda "especialmente aos madrileños de Niña Polaca" porque cre que "van ser moi importantes no futuro dentro do panorama indie e xa teñen bastante tirón", asegura. Ademais, "estrean disco o día antes en León, así que virán ao Osa con moitos temas novos e son unha banda que están citando constantemente, por exemplo, en programas de Radio 3", desvela.

ARTISTA LOCAL. Así mesmo, tamén recomenda a Los Rastreadores, "porque está Nuno, que é o noso artista local, e xunto a Ortiga seguro que van facer moita festa", predí. Ademais, "non é habitual que toquen xuntos, así que digamos que é un sitio especial para velos", indica. Por último, cre que Black Friday, grupo que estará na sesión bearmú de mañá, "pode ser o que máis sorprenda porque é o que menos coñece a xente e vaille gustar a todo o mundo".

Comentarios