Unha granxa de premio

A gandaría Mantoño Holstein de Barreiros foi elixida a terceira mellor de España
aaaaa
photo_camera Saúl Dorado, na súa explotación. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A Confederación de Asociaciones de Frisona Española, Conafe, acaba de elaborar por primeira vez de xeito oficial unha lista que recolle as mellores gandarías criadoras de España. No podio das tres mellores figura a granxa Mantoño Holstein, de San Xusto en Barreiros, cunha calificación media de 86,93 puntos, pouco por debaixo das dúas primeiras clasificadas: a primeira foi a tamén lucense Baixo Holstein con 87, 18 puntos e a segunda a asturiana Diplomada Badiola con 87,13. Ademais Mantoño Holstein acadou a maior porcentaxe de vacas excelentes de toda España, cun 32%. "Esta posición nesta clasificación é un recoñecemento ao traballo que levamos facendo durante moitos anos", explica Saúl Dorado, dende a gandaría, e subliña que "son 30 anos os que levamos traballando na mellora e na selección dos nosos animais". 

Despois de quince anos acumulando premios á excelencia a nivel galego, agora chega un a nivel de toda España e para Dorado supón "unha dobre satisfacción porque é máis difícil de conseguir porque hai moita xente facendo ben o seu traballo". Dorado subliña tamén que formar parte desta clasificación pon no mapa do sector a Barreiros e á Mariña a nivel nacional.

Para a elaboración desta clasificación, Conafe tivo en conta aspectos de manexo dos animais día a día, o nivel de confort das instalacións e o benestar animal, ademais da xenética dos exemplares. Cumprir con todos estes requisitos só ten un segredo "o traballo diario". "Para levar unha granxa tes que estar formado axeitadamente porque atender ás vacas require ter coñecementos en varias áreas, dende a alimentación ata coidados veterinarios, e sempre tes que resolver algún problema", explica Dorado, que cita "a constancia" como outra clave indispensable, xa que este traballo requiere atención as 24 horas do día os 365 días do ano. 

O segredo é o traballo diario e a constancia

Ademais en Mantoño levan anos apostando pola mellora xenética e entre os seus animais figuran descendentes das mellores e máis cotizadas familias do mundo. "Apostamos por traballar na mellora dos nosos animais porque este é un mundo que sempre nos gustou e collemos como referencia granxas de Canadá ou Suiza e intentamos reproducir un modelo similar aquí", recoñece Dorado, que engade que invertiron "en ter descendentes dos mellores animais e tamén en contar cunhas instalacións axeitadas nas que prima a comodidade das vacas". 

E todo isto nunha aposta por un sector que "sempre sufre subidas e baixadas", a pesar de ser unha fonte importante de postos de traballo. "Un estudio establece que cada granxa pode crear entre cinco e dez postos de traballo, porque hai moitos indirectos", explica Dorado. "O sector gandeiro fixo os seus deberes hai 25 anos cunha profunda modernización e a profesionalización que se levou a cabo, pero quen aínda non os fixo foron as administracións que seguen tendo de lado ao sector primario sen darlle a importancia que se merece por toda a actividade económica que se crea ao seu arredor", di Dorado. 

Comentarios