Unha beleza de años

Unha das ovellas dun veciño de Lourenzá tivo cinco crías, aínda que só sobreviviron tres ► O dono dos ovinos di que os animais fanlle compañía e que pasa todo o día con eles

Unha das ovellas dun veciño de Lourenzá tivo hai tres días cinco años, unha cantidade que resulta pouco habitual, pois esta especie de mamífero rumiante soe ter entre dúas e tres crías. Nembargantes, desta volta a natureza sorprendeu a Jesús Gacio Sante con cinco, aínda que dous exemplares naceron xa moi febles e só aguantaron vivos un par de días.

Ata o seu dono e algúns veciños que lle axudan tiveron que darlles leite cun biberón, porque tiñan un tamaño moi pequeno,o cal facía que nin tan sequera chegasen ás ubres da súa nai, "que xa tivo outra vez tres años e un ano pariu dúas veces", segundo lembra o home.

Suso, como o coñecen os veciños, leva toda a vida vivindo no campo e aínda que agora está xubilado sempre tivo animais na casa. "Meus pais xa os tiñan, pero ao xubilarse desfixéronse tamén das vacas". Na actualidade as ovellas sérvenlle de entretemento, pero tamén lle fan compañía. De feito, pasa case todo o día con elas, aínda que agora a súa cabana foi bastante a menos ao non poder atendela, xa que dan traballo, polo que o normal é que só teña entre dúas e tres ovellas.

Meus pais xa os tiñan, pero ao xubilarse desfixéronse tamén das vacas

Comenta que chegou a ter ata dez cabras, pero «"ompían con todo e vendinas". O laurentino tivo tamén ata cinco ovellas, pero di que a saúde fraquea, polo que xa non quere tantas. Agora ten, ademais das ovellas, unhas galiñas, coas que tamén pode comer ovos frescos.

Jesús recoñece que lle fai ilusión cando nacen, pois son moi pequenos e dá gusto velos, e engade que tamén leva un bo disgusto cando morre algún, como aconteceu antonte con dous años que morreron durante a tarde noite, logo das tomas de pola mañá. "Á unha da tarde xa vin que o primeiro estaba un pouco pachucho, logo empezou a ter frío e despois púxose malo o outro, botaron toda a tarde morrendo", explica.

BIBERÓN. O veciño sinala que "mamaron ben polo biberón, pero eran tan pequenos que parecían coellos, eu xa dicía que era un miragre que sobreviviran". Os que quedan están nun prado pechado, aínda que o seu dono tenlles preparado o cortello de xeito que poden saír e entrar cando queren.

El pasa o día xunto deles nun prado que ten diante da casa e espera que os outros saian adiante, pois "están moi guapos", comenta. Pensa que cinco eran moitos. Ademais ten outras dúas ovellas, unha con dúas crías e outra con só unha. "Normalmente quédome con un ou dous e os outros véndoos ou doullos aos amigos que me axudan, porque tamén hai que compartir cos veciños que te favorecen", explica Jesús.