Únense catro colectivos nunha quedada por rúas seguras para as mulleres

O Observatorio pola igualdade, o Clube de Atletismo, o Concello e o CIM organizan este domingo unha andaina tralo asasinato de Laura Luelmo

Unha protesta contra a violencia machista en Ribadeo. AMA
photo_camera Unha protesta contra a violencia machista en Ribadeo. AMA

RIBADEO. O Observatorio da Mariña pola Igualdade, o Club de Atletismo de Ribadeo, o Concello ribadense e máis o Centro de Información ás Mulleres (CIM) desta localidade únense para organizar mañá domingo ás once da mañá unha quedada para correr ou simplemente camiñar polas rúas ribadenses. O seu obxectivo con esta iniciativa é reclamar rúas seguras para as mulleres e nas que se poidan mover sen ningún tipo de ameaza ou perigo. A iniciativa xorde a raíz do asasinato da profesora Laura Luelmo e desenvolverase baixo o lema xenérico que se está a extender por toda España: «De camiño á casa quero ser libre, non valente».

Este episodio de violencia extrema está a suscitar unha grande mobilización cidadá e os colectivos convocantes desta quedada en Ribadeo animan a toda a cidadanía a sumarse a esta proposta reivindicativa.

Deixan moi claro que en ningún momento terá ningún tipo de carácter competitivo e que arrincará na Avenida de Asturias para posteriormente ir por José Vicente Pérez Martínez, a Avenida de Galicia ata a rotonda do instituto e voltando polas rúas Vilalba e San Roque.

Tanto as compoñentes do Observatorio da Mariña pola Igualdade coma o resto de colectivos convocantes desta iniciativa explican que se trata dunha convocatoria «que pretende lanzar a mensaxe de que as mulleres queremos saír facer deporte, mercar ao supermercado, saír pola noite, ocupar as rúas e espazos públicos… e vivir, en definitiva, con total normalidade, sen medo a sermos violadas ou asasinadas».

IGUALDADE REAL. Din que as mulleres non deben ter necesidade nin queren ser valentes, senón que o que queren simplemente é «ser libres en igualdade de condicións». Para acadar ese obxectivo apuntan que é necesario un traballo transversal de moitas partes da sociedade e por iso mesmo disque están a esixir «a implicación de todas as forzas políticas e das administraciones públicas para garantir a nosa seguridade e formular políticas que promovan a igualdade real entre homes e mulleres co fin de incentivar un cambio social definitivo baseado nunha sociedade igualitaria e libre para todas».

O formato desta quedada chega despois de que Laura Luelmo fose secuestrada polo seu asasino cando saíra correr na localidade na que daba clases.

Comentarios