O TSXG tumba tres recursos particulares e dous de empresas e pon en marcha o PXOM de Ribadeo

O alcalde explica que aínda que as peticións se referían a fincas concretas, algún trataba de tumbar o planeamento na súa totalidade

Fernando Suárez, nunha zona que remodelará o PXOM. JOSÉ Mª ÁLVEZ (AMA)
photo_camera Fernando Suárez, nunha zona que remodelará o PXOM. JOSÉ Mª ÁLVEZ (AMA)

O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Ribadeo xa non está aprobado só de forma administrativa, senón que agora está tamén consolidado. É grazas a que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) tumbou integramente cinco recursos que se presentaran ó planeamento urbanístico. Tres pertencían a veciños que os tiñan interposto a nivel particular mentres que outros dous pertencían a dúa empresas. O alcalde ribadense, Fernando Suárez, amosou a súa satisfación por poñerlle punto e final a unha tramitación xudicial que calificou de "engorrosa" pero a cambio anticipa que agora "Ribadeo irá cambiando para mellor".

Ningún dos recursos presentados ante o alto tribunal galego afectaban ó deseño do Plan Xeral no seu conxunto ou cuestionaban o seu deseño, senón que se trataba de pretensións referidas a fincas concretas ou terreos particulares sobre os que os recurrentes pretendían que se modificase a calificación do solo para así variar a tipoloxía construtiva permitida en cada lugar.

Nembargantes, Fernando Suárez explicou que algún dos particulares plantexaba a caída de todo o planeamento no seu conxunto. Explica que de ter saído adiante, "iso implicaría a destrución de todo o traballo que tanto tempo e esforzo nos levou".

CLASIFICACIÓN. Para o rexedor ribadense, esta vitoria nos tribunais é importante no senso de que amosa ante a Xustiza e deixa libre de toda sospeita a tramitación do planeamento urbanístico de Ribadeo "porque se demostra que os terreos estaban correctamente clasificados e deunos a razón. Foi un treito longo e engorroso, pero cando se queren facer as cousas ben e con humildade finalmente as cousas resultan ben e traen beneficios".

A este respecto, sinalou que tamén se demostra que en Ribadeo "a diferenza doutras zonas da Mariña, demostramos que é posible facer as cousas con xeito, con sentidiño, combinando o crecemento sostible coa protección da nosa identidade e do noso patrimonio".

CAMBIOS. Tamén anticipa o alcalde ribadense que a partires deste intre «con todo aprobado definitivamente e consolidado tamén pola xustiza, nos próximos anos, se vai ir vendo como Ribadeo vai ir cambiando para mellor, paseniño, pouco a pouco, como se fan as cousas para que saian ben», ao ter o Plan Xeral xa varias actuacións programadas.

Más en A Mariña
Comentarios