Traxectoria de exemplo

Marifé Sixto, de O Trobo do Valadouro, falou dos seus comezos apícolas co seu pai e di que este ano haberá moito mel de eucalipto

Marifé Sixto, de O Trobo do Valadouro. JOSÉ Mª ÁLVEZAs mulleres están medrando na apicultura, tanto en número como ocupando postos máis destacados e realizando tarefas moi diversas. Por iso a Asociación Galega de Apicultura (Aga) convocou a pasada fin de semana ao sector apícola a unha cita en Arzúa na que unha representación de socias expuxeron as súas experiencias dende diferentes perspectivas coa intención de servir de referencia para outras mulleres, tanto para motivar ás que están comezando como para reforzar ás que xa levan longo percorrido. Unha das relatoras foi Marifé Sixto, de mel O Trobo do Valadouro, que leva 20 anos metida neste mundo.

"O que fixen foi explicar como empecei neste mundo da man de meu pai, que era un apaixonado das abellas", explica, "funo facendo todo eu soa porque os pasos eran sinxelos e para empezar coas colmeas contaba co meu pai, xa que para empezar con moitas hai que contar con alguén que saiba senón é moi dificil", reconoce. E é que a familia Sixto é de tradición apícola e xa súa avoa contaba con colmeas en Colvelo, na parroquia valadourense de Budián, onde seu pai empezou a aficionarse ao mundo da apicultura. "Foi ao xubilarse el cando empezamos con isto, porque antes non era rendible", explica Sixto, "nos anos 50 e 60 só consumían mel as familias ricas e nos 70 houbo unha decadencia no consumo". De tódolos xeitos, na casa sempre houbo dúas ou tres colmeas, polo que coñecer o seu manexo serviu para despois botar a andar O Trobo. "Se non tes experiencia ou alguén que te axude non podes empezar de golpe con moitas colmeas tes que ir pouco a pouco", explica Sixto, que agora conta cunhas 80 colmeas, pero chegou a ter máis de cen.

"O das abellas é un mundo que te engancha, porque están moi ben organizadas e traballan moi ben", asegura e di ademais que cando se empeza a ver que a xente valora o produto, a paixón aínda medra máis: "Cando empezamos a ir ás catas da IXP Mel de Galicia, no 2002, e empezamos a gañar algúns premios comezamos a facernos un nome e iso é algo que te anima moito".

PRODUCIÓN. Este ano augura unha boa produción de mel. "Este ano están as colmeas moi fortes, porque o eucalipto está florido e xa hai colmeas con medias alzas cheas", explica con respecto á recollida de mel que se espera, "o ano pasado o eucalipto non botou flor e por iso houbo moi pouca colleita, pero este ano vai ser distinto". De feito, ela ten pensado facer a finais deste mes unha colleita monofloral para sacar o mel de eucalipto que as abellas xa están elaborando. "As abellas dánnolo todo feito e cando teñen o mel selado é que xa ten a humidade correcta e se pode sacar", indica e subliña que agora a recollida xa se empeza a facer a finais de agosto cando antes se retrasaba ata finais de setembro ou principios de outubro, "pero o cambio climático afecta a todo".

Algo contra o que tamén teñen que loitar os apicultores é a vespa asiática. "No Valadouro o Concello comprometeuse moito coa loita contra esta praga e trampeou moito, polo que hai menos que noutros concellos, pero aínda así hai", afirma Sixto e engade que "este ano como xa hai moito mel as colmeas están fortes e cando veñan as velutinas, en xullo e agosto, poderanse defender mellor delas".

E é que neste momento é cando hai que trampear para coller as raíñas para que despois haxa menos colonias. Sixto di que para as capturas de raíñas hai que usar preferentemente zume de arándanos e cervexa negra, aínda que valen outras mezclas con bebidas doces, pero que leven sempre alcohol "porque senón van a elas as abellas".

Más en A Mariña
Comentarios