Lara Fernández: "Traballo dende a honestidade de facer o que defendo e gústame aquilo que deixa pouso"

A concelleira de cultura, muller e xuventude en Viveiro repasa o seu papel no goberno municipal. Avanza que Radio Cos sumarase ao cartel das patronais e prepara a organización dunha mostra de teatro para persoas con necesidades especiais

lara fernández viveiro JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Lara Fernández, na biblioteca de Viveiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Lara Fernández considérase unha persoa moi inqueda e por iso non lle asustou ser concelleira do goberno local en Viveiro sen remuneración, tendo unha nena e un neno de curtas idades e sendo autónoma, á fronte dun negocio de roupa artesá para cativos e dunha sala de actividades artísticas. "Non me podo desvincular da parte artística que teño, é o que me mantén viva", di esta viveiresa con pasado e alma de actriz.

Pensara algunha vez en ser concelleira?
A verdade é que a política intereseoume dende moi nena. Veño dunha familia que estivo moi vencellada en particular ao Partido Socialista, o meu avó foi cofundador do partido en Viveiro e cando era pequena levábame a tódalas partes con el. Si que o pensei, incluso quixen facer Ciencias Políticas pero os meus pais non estiveron moi de acordo. 

Encaixou ben coas áreas que lle encomendaron dirixir?
A verdade é que sempre estiven moi ligada ao mundo cultural, estudei en Madrid arte dramático e traballei no Teatro da Zarzuela. Penso que levo a área de cultura ben á miña maneira, entendo que son unha persoa culturalmente pouco comercial, son máis da cultura que deixa pouso, que fai pensar. Penso que estou sendo honesta co que estou facendo e fago aquilo que me gustaría que fixesen para min. Teño tres áreas que para min son tres golosinas, que dan para facer miles de cousas. Dentro de muller hai moito que traballar, moitas metas que conseguir aínda, e penso que os políticos temos que conseguir sobre todo educar. Na área da xuventude tamén é infinito o que podemos axudar á xente nova.

"É unha incongruencia facer dinámicas para educar en igualdade e traer orquestras de 'reggaeton' con mulleres semiespidas"

Á falta dun ano para que conclúa o mandato, que proxectos lle quedan por realizar?
Teño moitos en mente que sería marabilloso facelos, como un viveiro de empresas para a xente nova. Un que si vai saír adiante é Superarte, un festival de teatro para xente con necesidades especiais. Se falamos de igualdade e de diversidade temos que darlle espazo a este colectivo a tódolos niveis e facer esta mostra é algo que me apetece moitísimo como cidadá do mundo do teatro.

É difícil traer artistas ou espectáculos a Viveiro?
Temos un teatro que é unha xoia, que é moi bonito, pero que ten o problema de que non ten moitas localidades (383). Entón cando queres traer unha cousa importante a nivel nacional o que funciona é vir á taquilla e nós non podemos ofertar unha taquilla moi ampla, polo que nos atopamos con que teriamos que subir moito o prezo das entradas para traer cousas de calidade nacional. De tódolos xeitos por aquí pasan as mellores producións galegas a prezo de risa.

Xa anunciaron para as patronais de agosto a Los Secretos. Algo máis que poida avanzar? 
Este ano vai ser un ano moi musical, con moitas actividades deste tipo para tódolos gustos. Tamén imos ter un grupo galego moi coñecido, Radio Cos.

"Todo traballo debería estar remunerado pero non entrei enganada e asumín facelo de maneira altruísta para o pobo"

E orquestras?
Este ano imos traer unha orquestra boa, pero das que tocan música para todos. Fun moi criticada co tema de suprimir as orquestras dentro das patronais pero fíxeno cunha convicción. Agora as orquestras non son como as das antigas verbenas, fan música comercial, o reggaeton puro e duro, un estilo que fomenta a desigualdade. Non podes estar facendo dinámicas para criar aos nenos en igualdade e despois facer estas incongruencias, traer unha orquestra que toca esa música dende que empeza ata que termina e na que saen as mulleres semiespidas. É a miña filosofía, o que me apetece cando remate este mandato é ter sido honesta co que creo que temos que defender. 

Que foi o mellor e o peor de ser concelleira?
Unha cousa que me encantou foi poder casar a unha parella. A primeira vez casei a uns amigos e fíxome moitísima ilusión. No tema da cultura recollín un testigo bastante fácil porque Melchor viña facendo un traballo cultural no pobo moi importante e deixou un legado soberano, polo que hai moitas cousas que xa están feitas e un ten que intentar melloralas. O peor tal vez sexa a parte burocrática, economicamente todo custa moito e hai que facer moitos trámites, pero teño a sorte de ter un bo equipo de traballo que mo pon moi doado.

Hai algo do que se sinta especialmente orgullosa?
Non me gustan as cousas grandes, gústame as cousas pequenas que cambien moito, como iniciativas para educar aos nenos e valores. Tamén estou moi orgullosa de que Viveiro estea no proxecto En negro contra as violencias que conseguiu moita implicación, ou da biblioteca municipal que temos, que está á altura das cidades e ten moita vida.

"O tema de que soe o teléfono en calquera momento é o que peor leva a familia"

Costoulle compaxinar a concellaría coa súa vida laboral e familiar?
É moi complicado conciliar. Parece que non, pero ser concelleira esixe estar en moitos sitios e sobre todo estar comunicada as 24 horas. O tema do teléfono no núcleo familiar ás veces non o levan moi ben, porque me chaman en calquera momento. Tamén coincidiu que fun mamá ao ano de entrar no cargo e xa tiña unha nena, estaba empezando un negocio... sempre digo que pasado isto xa me pode vir o que sexa, que vou poder con todo; acababa de dar a luz e estaba preparando as patronais. En canto ao apartado laboral, descóidase absolutamente o traballo por facer o que temos que facer no cargo.

Pensa que todos os concelleiros con responsabilidade deberían ter remuneración?
Penso que todo o traballo que se fai debería estar remunerado pero non entramos enganados, entramos no goberno municipal sabendo que isto ía ser así. Eu asumín que quería nese momento da miña vida ofrecerlle a miña axuda ao pobo, a Viveiro, asumín facelo dunha maneira altruísta porque así mo plantexaron. María foi moi honesta, en ningún momento prometeu nada máis ca iso.

Que tal é a relación co resto do grupo de goberno?
O equipo que temos fai que as cousas sexan moi fáciles porque a relación é moi boa. Somos un equipo compacto, para o bo e para o malo, porque tamén cando cometemos algun erro sempre os comentamos e che poñen as pilas.

E coa alcaldesa?
É unha persoa que me ensinou moitísimo e é moi xenerosa. Falamos continuamente, penso que é a persoa coa que máis falo despois do meu marido.

Gustaríalle continuar outro mandato como concelleira?
Nós traballamos todo o tempo sen pensar niso. Ata saber se María conta comigo prefiro non facerme moitas preguntas.

Comentarios