Trabada ofrece vivenda gratis a familias que escolaricen a dous fillos de 3 a 6 anos

A medida busca evitar que a Xunta peche unha unidade do CEIP Plurilingüe Celso Currás por falta de alumnos 

Mayra García, alcaldesa de Trabada. XESÚS PONTE
photo_camera Mayra García, alcaldesa de Trabada. XESÚS PONTE

O Concello de Trabada ofrece vivenda gratis a familias con dous ou máis fillos con idades comprendidas entre tres e seis anos que se asenten nesta localidade e escolaricen aos seus nenos no CEIP Plurilingüe Celso Currás, co obxectivo de que este centro "sobreviva". 

Diso informou en declaracións a Europa Press a alcaldesa deste municipio, a socialista Mayra García, que explicou que con esta iniciativa busca evitar que a Xunta elimine unha unidade educativa neste colexio tendo en conta que só hai dous nenos de entre tres e seis neste CEIP no que estudan uns 30 alumnos. 

A rexedora destacou que decidiron lanzar esta oferta para facer fronte ao "maior problema" que enfrontan os concellos rurais e que, como sinalou, é "o envellecemento da poboación". Para iso, "decidimos darlle a oportunidade a familias de ter unha vivenda gratis, rehabilitada e xa equipada", indicou. 

Ademais, asegurou que varios empresarios deste municipio trasladáronlle que "están dispostos a ofrecer traballo" a estas familias. "Ás veces custa moito formar a traballadores e despois botan pouco tempo na empresa. Co asentamento de familias pódese amortizar o gasto derivado na formación", considerou.

PECHE DA UNIDADE POR FALTA DE ALUMNOS. Segundo explicou, o problema derívase de que este ano lle corresponde entrar ao CEIP Plurilingüe Celso Currás aos alumnos nados en 2016, exercicio no que non se produciu o nacemento de ningún neno que fose empadroado alí. Con todo, indicou que hai 14 menores que naceron no tres anos seguintes. 

"Trasladaremos estes datos á Xunta para que os teña en conta e vexa que, de cara a próximos anos, pode aumentar o alumnado", indicou a rexedora, que pedirá á Administración autonómica que non peche a unidade convencida de que a escola pública "é fundamental" para manter o futuro do rural. 

Neste sentido e a través dun comunicado remitido aos medios, Mayra García tamén fixo un chamamento ás familias que viven en Trabada para que escolaricen aos seus fillos neste centro que ofrece atención "personalizada" e "fomenta a integración do alumnado". 

"Nós desde o Concello temos diferentes iniciativas para ir fixando poboación e favorecer o asentamento das familias, pero non é algo que podamos facer desde un concello en solitario", explicou a alcaldesa, que asegura que "si se van vendo os resultados" das medidas implementadas. 

Por último, avanzou que, nos próximos meses, o Consistorio volverá publicar as bases de axudas ás familias, como nos dous anos anteriores, para o fomento da natalidade. En concreto, estas contemplan 400 euros para cada familia que empadroe ao seu fillo ao nacer e outros 400 euros no momento no que o escolaricen no colexio público de Trabada. A elas súmanse as axudas á compra de material escolar nos cursos de educación infantil. 
 

Comentarios