Trabada ofrece a maiores e dependentes un pioneiro servizo de transporte diario

Unha furgoneta adaptada de nove prazas fará rutas de luns a venres polas oito parroquias para trasladar enfermos e maiores ata o núcleo urbano

Os trabadenses de máis de 65 anos, con limitacións en canto a súa mobilidade, que vivan sos ou enfermos crónicos, terán por primeira vez a súa disposición un servizo de transporte municipal diario, que os recollerá nos seus domicilios, os trasladará ao núcleo urbano a facer as xestións cotiás que requiran (dende ir ao centro de saúde, farmacia, banco, supermercado, consistorio...) e os levará de volta aos seus fogares. O presidente da Deputación, Darío Campos, entregou este mércores á alcaldesa, Mayra García Bermúdez, as chaves dunha furgoneta de nove prazas adaptada a minusválidos que se adquiriu cunha axuda provincial de 36.000 euros e que encantou as primeiras veciñas que subiron nela.

Campos Conde e García Bermúdez informaron os veciños da posta en marcha desta pioneira iniciativa social nun encontro cos mesmos en Vilapena, parroquia que conta con 58 habitantes dos que máis da metade son persoas da terceira idade. "Temos que ter en conta que no noso Concello viven sos 86 veciños, o que supón máis do 20% dos maiores de 65 anos. Na porcentaxe restante, na maior parte o núcleo familiar está composto exclusivamente por parellas que superan esta idade, que non teñen familiares directos aos que pedir axuda ou que conviven con persoas que teñen iguais ou maiores limitacións debido a súa idade. Este servizo responde a criterios de xustiza social e de necesidade", explicou a rexedora.  

Pola súa banda, Campos incidiu en que a "máxima prioridade" da institución provincial é atender as necesidades dos veciños, "de xeito especial, aos que máis o requiren, como os nosos maiores, persoas con limitacións ou capacidades diferentes".
 
RUTAS. A furgoneta adaptada percorrerá as oito parroquias de Trabada para que todos os seus posibles usuarios poidan disfrutar desta prestación social. Cada mes haberá 16 rutas planificadas de luns a venres ata o núcleo urbano. As persoas con enfermidades crónicas contarán con este servizo atendendo as súas necesidades médicas. 
 

Comentarios