Trabada, un goberno "con mirada de muller e priorizando servizos"

Pulo ► Mayra García pecha un mandato no que abriu un Punto de Atención á Infancia, aumentaron as propostas para conciliar e apostouse pola cultura, o ocio e o deporte
A alcaldesa, con nenos na tirolina. EP
photo_camera A alcaldesa, con nenos na tirolina. EP

A alcaldesa de Trabada, a socialista Mayra García Bermúdez, leva oito anos á fronte do concello, un tempo do que destaca que "priorizamos servizos e gobernamos con mirada de muller". A rexedora é consciente de que "na actualidade, e máis no rural, aínda somos as mulleres as que asumimos o rol principal do labor dos coidados por cuestións de xénero, unha brecha que implica un impacto importante na calidade de vida das mulleres".

Por iso, nestes anos salienta que traballaron "constante e rigorosamente", co único obxectivo de promover servizos públicos e de calidade para os veciños, "porque iso contribúe á igualdade entre homes e mulleres", ao tempo que axuda a frear a despoboación no rural.

Servicios sociais

Nese senso, García Bermúdez destaca que "duplicamos o número de persoal adscrito ao servizo de axuda no fogar, tendo na actualidade dúas traballadoras sociais e dez auxiliares o que contribúe, sen dúbida, a atender a moitos máis maiores e de maneira máis eficaz".

Unha mellora á que se suma a posta en marcha dun centro de atención residencial que conta con 39 prazas, pero ademais "rehabilitamos varias vivendas propiedade do Concello para destinalas ao alugueiro social, impulsamos programas de terapia ocupacional nas parroquias e adquirimos unha furgoneta adaptada para persoas con diversidade funcional para implementar un servizo de transporte gratuíto, pensado principalmente para as nosas persoas maiores que viven nas parroquias", engade.

"Uns servizos que son grandes xeradores de emprego, que é fundamental para fixar poboación", recalca la mandataria.

Unha das rúas renovadas. EP
Unha das rúas renovadas. EP

Innovación

Unhas medidas ás que suma un proxecto pioneiro a nivel estatal que arrancará nuns meses. "En xullo imos poñer en marcha un proxecto para a innovación territorial, a reactivación da actividade socioeconómica e a loita contra a despoboación para o que fumos un dos poucos proxectos escollidos entre todas as administracións locais de España polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico".

O Concello de Trabada foi o único seleccionado na provincia de Lugo e recibirá máis de 142.000 euros para poñelo en marcha "e incluirá diferentes iniciativas para reforzar os servizos públicos, apoiar proxectos que xeren emprego ou fomentar a transición dixital", di a rexedora, quen se congratula "de que en Madrid agora contamos cun goberno sensible coas necesidades dos concellos rurais e este é un exemplo diso".

Trabada tamén foi o único concello da provincia que contou o ano pasado con unha alumna en prácticas a través do programa de Campus Rural e tamén foi o único lucense que tivo dúas semanas a dous técnicos do Ineco impartindo talleres para mellorar o acceso e manexo das novas tecnoloxías a través do programa RuralTic. "Nos próximos meses teremos en todas as parroquias acceso a banda ancha contando coa extensión de fibra para mellorar a conectividade do rural", reitera García.

Conciliación

No que se refire á conciliación, Mayra García explica que "cando chegamos puxemos en marcha Ludiseráns, un programa de actividades extraescolares con propostas formativas e lúdicas de luns a venres, durante tres horas e dende o mes de outubro ata maio".

Unha proposta que se complementa no verán con campamentos infantís e dende o ano pasado tamén con actividades para os mozos e mozas de 12 a 16 anos. "Puxemos en marcha o programa Madrugadores que, xunto ao Punto de Atención á Infancia (PAI) que abrimos en xaneiro do 2020, facilita as incorporacións ao posto de traballo e a conciliación laboral dos pais e nais, o que sen dúbida favorece que haxa máis alumnado no colexio", cree la regidora.

Museo Xosé Rocha. EP
Museo Xosé Rocha. EP

O Concello de Trabada tamén apostou pola rehabilitación de inmobles municipais promovendo o seu uso social, "como por exemplo, na antiga vivenda de mestres, que amañamos no anterior mandato, e onde fixemos obras de humanización da zona exterior, ademais de levar a cabo traballos de musealización do que hoxe en día é o Centro Etnográfico Xosé Rocha, ou na antiga escola de Sante, onde fixemos un albergue municipal de peregrinos", enumera la mandataria trabadense.

Un listado de obras no que Mayra García inclúe o incremento de dotacións públicas municipais "construíndo unha nova zona deportiva, dándolle uso a un campo de fútbol que non cumpría as medidas regulamentarias da Federación Galega de Fútbol. Instalamos unha pista de pádel, outra multideporte, unha tirolina infantil e nos vindeiros meses construiremos un campo de bolos, un parque biosaudable e unha área de calistenia", avanza.

En Sante, recorda, "fixemos unha importante mellora no pavillón polideportivo, construíndo vestiarios e pechando a zona que estaba aberta e en Ría de Abres, fixemos un aparcamento de autocaravanas que conta con alumeado ornamental e compramos unha finca para poder construír un centro social".

Uns traballos aos que suma que "acondicionamos e aumentamos o número de parques infantís, achegando estas dotacións ás parroquias e, por suposto, melloramos a rede viaria provincial e municipal nas oito parroquias do termo municipal, ademais de acometer varios abastecementos e alumeados públicos, atendendo á igualdade que levamos practicando nestes dous mandatos", di.

Cultura

"Promovemos unha axenda cultural e de ocio transversal e durante todo o ano, como son os ciclos teatrais mensuais, concertos musicais, cine na rúa, cantos de taberna, xornadas de tapeo ou a organización da enfariñada", destaca a alcaldesa de Trabada ao fronte dun goberno que este ano, por primeira vez, "recuperará unha feira anual, a de San Fernando, na que contaremos cunha exposición de gando, música tradicional e comida campestre".

Actividades que teñen como finalidade "que a veciñanza poida ter uns servizos públicos de calidade, uns espazos coidados e unha oferta de ocio similar á de vilas máis grandes", di a rexedora, consciente de que "netes oito anos gobernamos con mirada de muller, coa mirada posta na nosa xente, coa mirada posta no noso territorio, pero tamén coa mirada posta no futuro, nos avances e a innovación e sen deixar nunca a un lado a nosa identidade", recalca Mayra García.