Manuel Rouco: "Tódolos puntos que levemos no noso proxecto vanse sacar adiante"

O candidato do PP á alcaldía de Burela fixa como eixes do seu programa o desenvolvemento do Plan Xeral e do polígono industrial, así como o apoio ao comercio

Manuel Rouco. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Manuel Rouco. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O candidato do PP de Burela foi un dos primeiros que a formación fixo público na comarca. Manuel Rouco (1977) é graduado en Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural pola Universidade de Santiago de Compostela e ten unha enxeñaría técnica nesta mesma rama na especialidade de Mecanización Agraria e Construción Rural, ademais dun mestrado en Prevención de Riscos Laborais. Dende finais do ano pasado xa presidía a xestora do partido a nivel local.

Por que decidiu dar un paso adiante e participar activamente en política?
Por dúas razóns. A primeira por responsabilidade. Cando o maior partido político da provincia, da comunidade e do Estado por estrutura, votantes, afiliados e representación parlamentaria considera que un veciño dun pobo coma Burela, cuxa vida diaria estaba baseada fundamentalmente na súa familia, no seu traballo e nos seus amigos e coñecidos, ten algo que aportar para o pobo que elixiu para asentarse e vivir, o pobo do seu bisavó, cando menos fai que o penses seriamente. O segundo motivo é por obriga, posto que Burela atópase nunha situación de desgoberno debido a unha xestión caótica.

Como aborda a tarefa de configurar unha lista?
Pretendo que sexa unha lista integradora, seria e responsable, con veciños e veciñas con sobrada experiencia, novos e cunha gran formación, que poidan sacar para diante as diferentes áreas de traballo que se lles encomenden. Todos eles serán persoas ás que lles importa realmente Burela. Entendo que non vai ser doado porque hai moitos veciños que están sobradamente preparados para formar parte del, pero dar un paso á fronte non sempre é fácil.

Ten pensadas as estratexias que seguirá na campaña electoral?
A pesar de que hai pouco tempo que a xestora me nomeou por unanimidade como candidato, xa hai algunhas ideas enriba da mesa que hai que perfilar máis polo miúdo.

Como foi este ano á fronte da xestora do partido?
Moi intenso, de moito traballo e con pouco tempo de descanso. Por un lado tiven moitísimas reunións con asociacións. Hai que aclarar que Burela é a localidade da zona cun maior número de asociacións, todas elas con reivindicacións e necesidades básicas desatendidas ás que, dende a posición na que nos atopamos, lles tratamos de dar resposta. Case todas tiveron xa solución para practicamente tódalas peticións formuladas e agora tentaremos cumprir cos últimos requirimentos pendentes. Por outro lado estiveron as reunións tamén a pé de rúa co resto de veciños, barrio por barrio. Todos eles aportaron as súas ideas do que consideran que debe de ser a Burela do século XXI e agora o que toca é darlle forma a esas ideas.

"No último ano tiven reunións barrio a barrio e en todas se deron ideas ás que agora toca dar forma"

Que proxectos leva como prioridade para sacar adiante?
Para dar resposta a isto só hai que escoitar o que demandan a meirande parte dos veciños. O primeiro e o máis importante é o proxecto do día a día. De pouco serven os anuncios en prensa de grandes obras se non se escoita á xente e aos problemas sinxelos non se lles dá solución. O segundo, proxectos reais e necesarios para o presente e o futuro de Burela. Por unha parte o desenvolvemento do Plan Xeral con pequenas modificacións puntuais que van melloralo. Por outra o desenvolvemento, dunha vez por todas, do tan necesario polígono industrial para o asentamento de empresas porque sen empresas non hai traballo e sen traballo a xente macha do pobo. E o comercio, hai que facer que os centos de persoas que acoden a Burela diariamente por diferentes motivos, por exemplo nas visitas a pacientes no hospital, fagan as súas compras na localidade.

Cal sería a primeira medida que tomaría de chegar á alcaldía?
Sen dubidalo, unha auditoría. O primeiro é facer un control de danos para que os veciños vexan o estado no que quedou o Concello. Debo lembrar que despois do último goberno bipartito a débeda coa que se atopou o equipo de goberno do PP foi salvaxe e, agora, xa se están a dar casos de débedas a provedores por parte do actual goberno socialista. Danse casos de ter que realizar traspases extraxudiciais de crédito porque algúns concelleiros, concretamente algún tenente de alcalde, non sabe que se lle esgotaron os cartos da súa partida orzamentaria. Non houbo unha boa planificación da mesma a principios de ano. E non é a primeira vez neste último mandato que Intervención fai informes con reparo ao pago dalgunhas facturas relativas á cultura.

"Se chegamos á alcaldía o primeiro será facer unha auditoría para que os veciños vexan en que estado quedou o Concello"

Como vai ilusionar aos bureleses co seu proxecto?
En Burela hai arredor de 10.000 persoas, cada unha coas súas ideas e inquedanzas, pero poden ter por seguro todas que, se o día de mañá confían neste proxecto, van poder comprobar que tódolos puntos que nel figuran se van levar a cabo. Acabáronse as promesas incumpridas, acabáronse os vendedores de fume. Non só porque na alcaldía estará un veciño que se preocupa por Burela e que cumpre coa súa palabra, senón porque ese veciño se vai rodear doutros que son garantes do cumprimento dese proxecto.

Comentarios