"Todo o mundo pode ser unha persoa organizada"

A burelá Alba Caamaño é organizadora profesional e fálanos sobre a necesidade de organización dunha sociedade dominada polas prisas e polo estrés
alba caamaño
photo_camera Alba Caamaño. EP

Alba Caamaño realiza a súa actividade na organización Orana Espacio y Orden dende a cal axuda a poñer orde en casas familiares 

Ordenar e organizar é o mesmo?

Non, non o é aínda que en moitas ocasións se utilicen indistintamente. Organizar é buscar colocar as cousas segundo unha xerarquía, buscándolles un sentido lóxico e, sobre todo, buscando un sentido práctico que nos axude no noso día a día. Pódense ter as cousas ordenadas, pero non organizadas. Se temos ben organizado un espazo, ordenar vai ser moito máis sinxelo.

Calquera poder ser organizado?

Todo o mundo pode selo, pero hai xente que xa ten facilidade para organizar e váiselle dar mellor que aquelas persoas que non a teñan. É máis sinxelo ser ordenado que organizado? Claro, ordenar é quitar as cousas de diante segundo o que ti pensas e xa está. Ao final non é que sexa fácil porque hai xente á que tamén lle custa, pero é máis rápido que organizar. De todos os xeitos organizar é máis complicado a primeira vez, despois xa non.

Cal é o primeiro paso para empezar a organizar?

O primeiro é ver verdade, como digo eu. Se somos realistas co que temos imos ser conscientes do cambio que temos que facer. Esa é a clave, despois o resto son prácticas que se van dando en función de cada proxecto.

Conta cun método propio á hora de organizar?

Si, o método Orana. Eu dábame conta de que traballaba sempre da mesma maneira, así que lle puxen nome a algo que xa facía. Para min o principal é baleirar as estancias para ver esa verdade da que falo, pero nunca con maratóns senón adaptándose ao tempo de cada persoa porque senón pode chegar a frustración. Despois vén o paso máis complicado porque é moi emocional, que é o de seleccionar, e despois está organizar para o que utilizo a ecuación máxica de ver o espazo e o estilo de vida de cada familia e organizar do xeito que sexa práctico para eles. O cuarto paso é o de manter a orde, que moitas veces é o máis complicado. Nos pasos dous e tres é nos que máis en xogo entramos os organizadores profesionais.

Cal é o perfil dos clientes dun organizador profesional?

Esta é unha profesión que aínda non se coñece moito, polo que acostuma a ser xente que está moi actualizada no tema e que nos busca en internet ou nas redes sociais, ou que te coñece polo boca a boca.

É un servizo de luxo?

Hai ese mito, pero realmente non é así porque depende do que fagas. Non é o mesmo facer a transformación dunha casa enteira que contratar a organización dun armario. E tampouco é o mesmo contratar o servizo presencial, de maneira que son eu quen fai todo, ou contratar unha asesoría online na que eu che dou as pautas e eres ti quen organiza.

Que beneficios dá a organización?

Vaiche aportar menos gastos porque sabes onde está todo e evitas, por exemplo, compras innecesarias ou perder cousas. Vaiche aportar máis tempo porque ter todo ordenado fai que optimices o tempo e cando hai nenos, por exemplo, vas conseguir que eles sexan máis autónomos. E despois hai algo que para min é clave, como é o benestar emocional que che aporta. As persoas que viven na orde son máis produtivas porque en menos tempo son capaces de facer máis cousas.

Comentarios