David Rivas: "Todo o mundo debería pasar pola política para ver o complexo que é facer as cousas"

Concelleiro de Deportes de Ribadeo e deportista. De algo lle valería a súa condición, aínda que de xeito implícito el non parece crelo así. Di que "tal e como están as cousas agora" a xente non se imaxina o complexo que é sacar iniciativas adiante, malia que en xeral amósase satisfeito de como lle están saíndo as cousas

David Rivas, fronte ao Concello de Ribadeo. P.V.
photo_camera David Rivas, fronte ao Concello de Ribadeo. P.V.

Un dos novos concelleiros da terna de dez cos que se fixo o BNG en Ribadeo é David Rivas, ao que lle tocou algo que sobre o papel coñece ben dabondo: o eido do deporte. Pero durante toda a entrevista el só fai unha pequenísima referencia, e de pasada, a esa condición de deportista. Curiosamente fai moitas máis ao intrincado mundo da administración co que se nota claramente que non contaba. Di que agora mesmo todo está moi controlado polos técnicos e que iso por unha banda é un atranco porque entorpece moitas tramitacións, pero por outra outorga a tranquilidade de saber con total certeza que o que se fai está ben feito e non traerá ningún tipo de complicación xurídica a posteriori.

A primeira pregunta é case obrigada: parécese algo a política local ao que vostede pensaba antes de aterrar nela ou afástase do que tiña en mente?

Non se parece pero absolutamente en nada de nada. Dende que cheguei, penso sinceramente que todo o mundo debería pasar por algunha concellaría algunha vez na súa vida para comprobar o difícil que é sacar cousas adiante. A xente non se dá conta de que sacar adiante a máis mínima cuestión require unha cantidade de tramitación inmensa. Todo é complicadísimo.

Entendo que polo tanto é algo que xa lle pasou varias veces.

Pois mira, por exemplo no caso do arranxo que fixemos na Casa das Algas, onde acometemos unha serie de melloras que nin sequera foron algo espectacular. Bueno, pois entre o proxecto, os orzamentos, os permisos de Costas... Van pasar os catro anos do mandato e vai ir co tempo xusto. É algo que me parece incrible, pero así é. Todo se dilata tanto que a xente chega a crer que non fas nada, que hai pasividade no goberno, e non é así para nada, é todo polo complicado dos trámites que temos.

Sorprendeulle o funcionamento dun equipo de goberno?

A nivel persoal, a verdade é que non. Somos un equipo e traballamos como tal a nivel de concelleiros, pero logo tamén cos técnicos, que son moi bos e moi boas, e iso tamén fai que sexa máis sinxelo o traballo que fas e acláranche moitas dúbidas.

Falando disto que di da problemática administrativa tralas ideas que vostedes poidan ter, hai algo que quixera facer e que se lle vaia quedar no tinteiro precisamente por iso?

Eu tiña a idea de facer unhas instalacións vencelladas ao tema da calistenia, o que lle chaman agora street workout. Son unha serie de instalacións para facer exercicios no exterior, e a miña idea era facelo, por exemplo, na zona dos Bloques. Nin sequera é algo tan ambicioso, uns 6.000 euros ou algo así. Pero entre todos os permisos que se necesitan para facelo xustamente aí, o proxecto e todo iso, non sei se serei capaz de sacalo adiante nestes catro anos. E xa digo que eu sempre pensei que ía ser bastante sinxelo.

É concelleiro de deportes, como anda Ribadeo a nivel de instalacións e oferta deportiva?

Pois a nivel deportivo hai que dicir claramente que temos un pavillón que está entre os dez mellores de Galicia. Temos outras eivas, como a do Pepe Barrera, pero espero que a acabaremos solucionando. A nivel de oferta deportiva, sinceramente non creo que haxa ningunha localidade de dez mil habitantes en Galicia cunha oferta deportiva como a nosa. A nivel de clubes tamén penso que poucas disciplinas olímpicas quedan sen ter representación en Ribadeo. Só nos últimos meses apareceron clubes de hóckey en liña, rugby, un novo de fútbol sala, un de xadrez... Penso que é algo impresionante aínda que tamén é unha responsabilidade porque me toca facer o posible para que sigan cara adiante.

Vostede impulsou algunhas das actividades máis numerosas das que se fixeron en Ribadeo.

A media maratón tivo un éxito moi grande. Empezouse a organizar con seis meses de antelación deseñando o itinerario, permisos... Despois os cortes de tráfico nos que hai que tomar decisións, pensando sempre en que se molestas a alguén, ten que ser para beneficiar á xeneralidade.

Entende agora que a xente xa non queira entrar en política?

Perfectamente. A xente está na súa zona de confort e isto leva consigo un desgaste persoal importante que polo xeral non moitos están dispostos a asumir.

"O trato co alcalde é moi bo, e de feito é el o que me arranxa algúns dos atrancos que podo ter"
Aínda que moita xente pensa que pode haber mala relación entre os concelleiros ou o alcalde, David Rivas di que no seu caso traballan cada quen no seu departamento, mais de xeito bastante coordinado.

Que tal lle vai a relación co alcalde, que ao final é o que os ten que coordinar a todos?

Moi ben, a verdade é que moi ben. Incluso recurro a el moitas veces cando estou nunha situación na que non sei cara onde tirar ou na que podo ter algunha dúbida. Chámoo e é el o que me arranxa algunhas cousas, como cando se trata de darlle adiante a algúns pagos ou cando non sei como teño que facer unha tramitación.

Debería ir máis xente aos plenos?

Sería moi importante para facerse unha idea completa de quen te está a representar. Alí vense moitas cousas que non trascenden e son moi importantes. E conste que o digo eu que nunca fora a ningún, pero esa é a realidade.

Seguro que oíu historias de como traballaban nos 90. Hai moita diferenza?

Si, si. Nada que ver. Polo que me levan contado traballábase dunha forma que hoxendía xa nin sequera nos plantexamos nin propoñelo, sería impensable. Pero bueno, era outro contexto. Agora faise todo polo libro e tamén tes a garantía de que o que fagas non che dará ningún problema.

Comentarios