Toda a merluza do pincho de Celeiro acadou o selo Friend of the Sea

Tódolos seus palangreiros teñen xa esta certificación de calidade e o lanzamento do ecoetiquetado será este luns na lonxa

Merluza do pincho de Celeiro, con certificados. PUERTO DE CELEIRO
photo_camera Merluza do pincho de Celeiro, con certificados. PUERTO DE CELEIRO

Puerto de Celeiro OPP-77 porá a disposición dos consumidores a partir da subasta deste luns a totalidade das capturas de pescada do pincho da súa flota baixo o selo de calidade da oenegé Friend of the Sea (FOS). Máis de 10.000 toneladas deste peixe collidas con anzó chegarán aos mercados identificadas de xeito individual cunha etiqueta na que ademais figura a data de primeira venda.

A empresa celeiresa fixou no pasado 2016 un plan plurianual para a certificación completa da flota de pincho. Cada ano e de maneira voluntaria os barcos preparáronse para a auditoría. No primeiro exercicio acadaron o selo oito buques e durante o pasado 2017 o resto da flota sumouse a este proceso ata obter os certificados de pesca sostible no pasado mes de abril, un ano antes do prazo previsto.

Os barcos certificados puxeron en marcha varios protocolos, como a prevención de capturas accidentais de aves mediante o uso de 'tori lines' ou unha axeitada xestión dos residuos plásticos en alta mar. Dende agora Puerto de Celeiro será sometido a auditorías anuales para verificar que segue a cumprir as condicións establecidas para acadar a certificación.

Paolo Bray destaca o paso da flota celeirense "cara a prácticas verificables de pesca sostible"

A evaluación demostrou que os 22 buques auditados e a lonxa de Celeiro cumpren cos criterios de pesca sustentable de FOS, xa que empregan artes de pesca selectivas que teñen un baixo nivel de descartes, sen un impacto relevante no fondo mariño, as capturas proveñen de stocks non sobreexplotados e legalmente xestionados, sin 'by catch' —captura— de especies ameazadas, baixo criterios de responsabilidade social e con trazabilidade garantida.

Co gallo do lanzamento da certificación e do ecoetiquetado ao 100% da merluza do pincho capturada pola flota de Gran Sol celeiresa, a lonxa de Celeiro acollerá o vindeiro luns un acto que contará coa participación dos armadores e de autoridades, entre as que estarán o fundador e director da Ong Friend of the Sea, Paolo Bray, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana. Tras visitar a subasta das capturas recoñecidas como FOS, ás sete da mañá compartirán almorzo de traballo na sala do consello de Puerto de Celeiro e logo farán a presentación pública.

Paolo Bray destaca o paso da flota celeirense "cara a prácticas verificables de pesca sostible" e explica que auditores independentes da sociedade DNV-GL fixeron o control sobre os requisitos esixidos. Espera que axiña outras pesqueirías españolas e europeas acepten ser verificadas para reducir o impacto ambiental. O director adxunto de Puerto de Celeiro, Eduardo Míguez, resalta que "é un produto de calidade, sustentabilidade e orixe acreditadas co marcado unha a unha do 100% das pezas".

Comentarios