Terras de Miranda recibe os primeiros visitantes froito da colaboración co turoperador Elige tu Viaje

A visita xorde a raíz do Fam Trip promocional organizado polo Grupo de desenvolvemento rural para atraer turismo a un destino tranquilo e con clima suave
Participantes na iniciativa do Fam Trip. EP
photo_camera Participantes na iniciativa do Fam Trip. EP

Despois do éxito acadado polo destino Mariña Lucense durante o verán, agora este adáptase á nova temporada a través dun produto de grupos desestacionalizador.

Froito do traballo realizado dende o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Miranda co turoperador Elige tu Viaje, créase un produto diferencial na Mariña capaz de atraer ao público nacional baixo o lema 'El encanto de lo desconocido', que presenta A Mariña como un lugar versátil, inexplorado e sorprendente, destacando a súa costa e interior acompañados dun clima suave coma un destino ao que viaxar con calma a través das vilas históricas, praias paradisíacas e destacados paisaxes.

O grupo aloxouse no Hotel Las Sirenas, en Viveiro, e realizaron un percorrido de oito días polos lugares máis emblemáticos do destino, coñecendo así algúns dos tesouros ocultos deste territorio máxico e singular que é A Mariña lucense.

Trátase da primeira viaxe de recepción deste produto na Mariña Lucense, onde 40 persoas procedentes de Las Palmas de Gran Canaria visitan o territorio, organizados por Viaxes Halcón a través da maiorista Elige tu Viaje.

Presentación dos proxectos. EP

Proxecto de asesoramento á dixitalización a empresas turísticas e agroalimentarias

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Miranda presentou o pasado venres os resultados do proxecto ‘Dixitalización a empresas vinculadas cos ámbitos turístico e agroalimentario do GDR-1 Terras de Miranda’ e o proxecto de ecoturismo ‘Terras de Natureza’ realizados nesta anualidade a través do programa Leader.

Seguindo as tendencias actuais o GDR aposta polo ecoturismo como actividade clave para o futuro desenvolvemento do territorio, xa que representa unha oportunidade para o mesmo grazas á súa riqueza natural e cultural. Foi presentado na Casa da Penela, nun evento presidido polo presidente do GDR Terras de Miranda, Vidal Martínez Sierra-López; a xerente, María Elena Martínez Paz e representantes da empresa Valora Consultores, contratada polo GDR para a realización de ambos proxectos. No acto estiveron representantes de distintas empresas do territorio.

No proxecto de dixitalización, un total de 15 empresas e proxectos do sector turístico e do agroalimentario beneficiáronse do servizo de asesoramento neste eido. Os participantes recibiron un asesoramento individualizado, de carácter presencial, no que se realizou unha diagnose de necesidades.

Ademais analizáronse as tendencias e oportunidades do territorio para trasladalas ao plan de acción. A partir diso, deseñouse un plan de acción individualizado con melloras para a estratexia e dixitalización de cada empresa beneficiaria. No último mes realizouse un asesoramento en remoto sobre a implantación das accións.

Das 15 empresas beneficiarias do programa de asesoramento, sete pertencen ao sector agroalimentario: A Leira Ecotenda, Ecohorta da Costa, Mel do Rego da Xeada, Muiñeiras de Requiande, Mel O Trobo, Panadería Lorenzo e Panadería Rubal, mentres que outras oito ao sector turístico: Apartamentos A Palleira, Araucaria House, A Balea Verde, Casa da Penela, Finca El Remanso, Hotel Montero, Hotel Residencia Mediante e Oli Vita Hostel Albergue.

Entre as accións desenvoltas están a mellora das páxinas webs con motor de reserva, a mellora do posicionamiento online, a proposta de talleres e actividades para potenciar a dinamización dos puntos de venda, a creación de estratexias de fidelización, a planificación de contidos para redes sociais, a actualización normativa e a creación de alianzas con outros negocios.

O GDR-1 Terras de Miranda reiterou con este proxecto o seu apoio e colaboración para a actualización dos sectores primario e terciario, de cara a conseguir o desenvolvemento económico do territorio.

Proxecto de Ecoturismo 'Terras de Natureza'

No proxecto de ecoturismo, o proceso de traballo comezou coa realización dunha análise dos recursos naturais e de interese cultural, así como dos establecementos turísticos do territorio que polas súas características poden incluírse no ámbito do ecoturismo.

Esta análise baséase nos criterios de sustentabilidade nas súas tres vertentes: medioambiental, económica e social e na aplicación de actividades de redución e mitigación do impacto no entorno. Ditos criterios son indispensables na creación de calquera produto, especialmente naqueles de turismo e relacionados co ámbito natural. Como resultado deste proxecto xerouse un folleto turístico baixo o lema ‘Terras da natureza’, que engloba estes recursos e empresas identificados e ten como obxectivo funcionar como ferramenta de promoción e atracción de visitantes do ecoturismo.

O folleto promocional estrutúrase segundo os cinco sentidos do ser humano, xa que esta é a forma que temos de percibir o mundo e a través da cal nos conectamos co noso arredor. É por iso que os recursos e empresas que integran esta guía están identificados segundo sexa a mellor forma de aproveitalos: observando, escoitando, cheirando, degustando e sentindo.

Na liña da dixitalización o folleto contén códigos QR que redirixen ao lector á páxina web do GDR (www.terrasdemiranda.org), onde se pode acceder a información máis detallada e gráfica sobre cada elemento presentado no documento

Comentarios