"Teño amizade con xente do PP e do PSOE. Unha cousa é a persoa e outra a política"

Eduardo Chao, Pichín, é o único concelleiro do BNG de O Valadouro e o que sustenta ao goberno socialista, levando as concellerías de cultura e obras, aínda que esta compartida co alcalde. A piques de rematar o mandato, e sen adiantar se repetirá como candidato, non oculta que finalizará coa «desilusión persoal» de non ter feito un polígono industrial.
 

Eduardo Chao.AMA
photo_camera Eduardo Chao, en Ferreira, JOSÉ Mª ÁLVEZ

Dez anos fará na política activa Eduardo Chao ao remate deste mandato, diferente dos catro anos anteriores en que apoiou ao goberno socialista xunto cunha lista independente, pero sen entrar no goberno e os dous do seu estreno a metade da anterior lexislatura, pola baixas dos seus  compañeiros. O seu paso pola política activa é algo que recomenda a todos, pero sen esquecer o que para el é o único obxectivo válido: os vecinos están sempre por riba dos intereses persoais e do partido.

No anterior mandato, o primeiro no que se presentou como cabeza de lista do Bloque, quedou como concelleiro apoiando ao goberno socialista xunto cunha tercera lista, Unión Democrática Independente do Val (Udival), pero sen entrar nel. Por que neste mandato decidiu incorporarse ao goberno que preside Edmundo Maseda?.

O tema foi precisamente ese, que éramos tres grupos, pero nas últimas eleccións xa non se presentou a lista independente e está claro que era máis doado entenderse entre dous que entre tres.

Como valora a experiencia?

Está claro que sempre hai cousas que che gustaría facer e non podes aínda que foran no teu programa electoral, porque tes que compaxinar os teus intereses cos do teu socio e dar unha palada de cal e outra de area. Dende fóra semella máis doado, dende logo, pero quédome con que intentei facerllo o mellor que souben e a miña experiencia podo decir que foi positiva, aínda que van quedarme cousas sen facer.

E cal é esa espiniña que se leva cravada?

Para min, o tema o polígono industrial, sobre o que levei unha grande desilusión persoal, porque creo que, máis grande que fora máis pequeno, tería que estar feito para que as empresas que quixeran instalarse non se marcharan,  como aconteceu non hai moito por falta de solo empresarial.

Creo que, máis grande o máis pequeno, teríamos que ter un polígono industrial para que as empresas non marcharan fóra

Unhas empresas que axudarían a crear emprego, que sempre di que é o que lle falta a O Valadouro.

Ao Valadouro e a meirande parte de concellos so rural, porque semon hai traballo a xente non fica e non hai relevo xeracional.

Pero aguntaron poboación e hai moitas parellas novas que apostaron por vivir aquí.

É certo que dende finais da década dos cincuenta fumos perdendo habitantes e que manterse e non perder poboación é para nós un logro moi importante. Dende do Concello déronse importantes axudas á natalidade, pero non é suficiente se non conseguimos que se cre emprego.

Como se leva co alcalde, co quen comparte a delegación de obras?

Temos reunións periódicas do goberno e os maiores roces son para a aprobación dos orzamentos, porque temos diferentes puntos de vista. Eu non estou moi dacordo da maneira en que moitas veces se fan as obras nestes pobos cativos, pensando máis nos votos que no interese xeral e eu son da opinión de que os veciños sempre están por riba dos intereses persoais e incluso dos do partido. Ao estar en contacto directo cos veciños ves necesidades e carencias que intentas solventar aínda que non sempre é posible, eu sempre intentei facelo o mellor que puiden, e tería fallos e acertos, pero nunca o fixen mal a sabendas.

É boa a relación persoal, tanto co rexedor como co resto dos concelleiros?

Creo que nos pobos pequenos que somos catro non temos porque deixar de tomar un viño xuntos porque teñamos diferentes ideas políticas. Eu teño amizade cos concelleiros, tanto do PSOE e o BNG, e penso que eles aprecianme a min e iso non ten nada que ver coas ideas de cada un ou coa súa maneira de ver os temas. Unha cousa é a persoa e outra, a política e iso que houbo xente que me retirou a palabra por estar nun partido distinto o seu, pero alá eles con esa mentalidade.

Recomendaríalle á xente pasar pola política municipal?

Pois si, porque a política ben feita ten que ser ao servizo do pobo e todo o mundo debería pasar por aquí para facer unha sociedade máis xusta. Está claro que a política por dentro é máis complicada do que parece e ás veces hai moitos trámites co que non contabas e tes que deixarche asesorar polos funcionarios, que son os que saben.

Penso que todo o mundo debería pasar pola política local para facer unha sociedade máis xusta

Que foi o mellor e o peor desta época?

O mellor, sen dúbida, o trato directo cos veciños e diría que o peor foi a falsedade.

Está satisfeito do traballo que está a facer na área de cultura, que tamén dirixe?

Si, creo que achegar á cultura á xente é moi importante e fixemos unha boa programación en función das nosas posibilidades e estou contento de ter feito a primeira feira de razas autóctonas e darlle un importante pulo ao Mercado de Primavera, co que este ano tivemos moi mal tempo e aínda que foi un éxito foi unha mágoa.

A que tivo que renunciar a nivel persoal por estar na política?

O certo é que condiciona moito o tempo libre que tes, pois tes que cumplir co teu traballo, que para iso che escolleros os vecinos e non vas deixar de facer cousas por disfrutar os teus momentos de lecer

Vai volver presentarse?

Non é unha decisión miña, senón da asamblea local.

Neste mandato quedou un tanto diluído o tema da unificación con Alfoz. Sigue defendendoa?

Por suposto, non sería a panacea pero penso que sería moi positivo. Nunca deixamos de apostar polo tema e está no noso programa, pero hai que ser realistas e saber a forza que temos. Estou un pouco desilusionado, pois houbo unha época con dous gobernos do PP e non se fixo nada e agora hai dous alcaldes do PSOE, e tampouco.

Comentarios