Isabel Rodríguez deixará de ser tenente de alcalde de Viveiro no próximo pleno

Asumirá a subdelegación do Goberno en Lugo. 

Isabel Rodríguez. AEP
photo_camera Isabel Rodríguez. AEP

A tenente de alcalde do Concello de Viveiro, Isabel Rodríguez, deixará de ser a segunda de María Loureiro no próximo pleno do Consistorio mariñán para asumir a subdelegación do Goberno en Lugo. 

Médico de profesión de 62 anos, Rodríguez naceu en Baamorte, no termo municipal de Monforte de Lemos, e leva once anos como concelleira no concello vivariense. 

Defínese como unha "muller de 62 anos" cuxos pais "eran labradores moi modestos e tiveron que emigrar ao estranxeiro para que (ela) puidese facer a carreira". "Co paso dos anos vin a Viveiro, levo 22 anos aquí traballando como médico", detalla. 

De momento descoñece cando tomará posesión, aínda que foi citada para mañá a unha reunión co novo delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, na Coruña. "A partir de aí coñeceremos máis datos", constatou Rodríguez. 

Así, avanzou que terá que deixar de ser concelleira, e adianta que a súa saída do Consistorio de Viveiro, logo de once anos, producirase "no próximo pleno".

ASUME O CARGO "CON MOITA ILUSIÓN". Rodríguez asume o novo cargo "con moita ilusión" e "con moitas ganas de traballar", aínda que non ten reparos en confesar que tamén "un pouco asustada". "É algo novo para min, un novo reto na miña vida. É algo totalmente distinto do que é a miña profesión habitual e do que viña facendo até agora. Iso sempre, de entrada, asusta un pouquiño. Teño moitísima ilusión e ganas de traballar polos veciños da provincia", asimila. 

A que se converterá na primeira muller en dirixir a subdelegación do Goberno –incluídos anteriores gobernadores civís– en Lugo xa tomou contacto co aínda subdelegado, o popular Ramón Carballo, con quen se reuniu o pasado venres. 

Isabel Rodríguez ten claro que cando tome posesión "os primeiros días irei e virei a Viveiro (onde reside)", aínda que é "consciente" de que logo se terá que quedar na capital provincial. 

Más en A Mariña
Comentarios