Unha tenda de produtos galegos abre na praza da Fontenova de Viveiro

O impulsor, Otero Regal, apunta que será "dinámica", con ofertas, degustacións ou talleres

Artigos de Regal Cerámica, en Viveiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Artigos de Regal Cerámica, en Viveiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Unha nova tenda abre as súas portas hoxe na viveiresa Praza da Fontenova. Chamada Feito en Galicia, ten como característica principal o que o seu propio nome indica, a venda de produtos cen por cen galegos e de alta calidade. Cerámicas, viños, licores, champaña, cervexas artesás, conservas de peixe, chocolates, aceites, xoiería en prata ou artigos de coiro son só un exemplo do que se poderá atopar nun establecemento que aspira ademais a vender online, a complementarse cunha sala de exposicións e a organizar obradoiros. A idea é que sexa unha tenda "dinámica", na que tamén haberá ofertas tódalas semanas e se farán degustacións.

A iniciativa parte do xerente de Regal Cerámica, Alfonso Otero Regal, quen comenta que "a tenda segue a idea de moitos países europeos de vender produtos da zona xeográfica ou administrativa onde se vive. Aquí todo o que vendemos son produtos galegos de calidade", salienta. Algúns deles son da comarca da Mariña, como as súas propias cerámicas, os chocolates Moreno de Ribadeo, as conservas de Curricán de Xove e Ares de Fazouro ou o coiro da viveiresa Ana Serra.

"O que non sabe moita xente é que eu son etnólogo", di Otero Regal, quen explica que na súa tenda -cuxa decoración realizou Teresa Tejada- están "os mellores viños de Galicia" e tamén "viños de autor", ademais doutras bebidas coma rons, xenebras, vermús ou cavas, "todo feito en Galicia". De feito, a súa intención é facer degustacións destas bebidas e tamén obradoiros de elaboración de vermús, xenebras ou cervexa.

O impulsor sinala ademais que están preparando unha páxina web da tenda para vender por internet e, "a medio prazo", conta "montar na primeira planta unha sala de exposicións de arte que tamén se deixaría para diversas actividades".

Comentarios