miércoles. 20.11.2019 |
El tiempo
miércoles. 20.11.2019
El tiempo

A praia de San Román énchese de viquingos

O tempo acompañou no día grande da Romaxe Viquinga do Vicedo O actor Sergio Pazos abogou este venres no seu pregón por "defender a nosa terra"

O tempo tamén quixo axudar a que O Vicedo celebre con éxito a cuarta edición da súa Romaxe Viquinga, que deu comezo este venres co pregón a cargo do actor Serxio Pazos, no exterior do Auditorio da Casa da Cultura.

DESEMBARCO. O prato forte da festa chegou este sábado, coa apertura pola mañá dos campamentos viquingo e cristiá ao público e co inicio dos obradoiros que terán lugar durante todo o día. Logo da apertura, os asistentes á romaxe puideron ver como é un adestramento dun mercenario no campamento cristiá.

O tempo, predominado polo sol e algunhas nubes, tamén quixo poñer o seu gran de area para non enturbiar a celebración dos distintos actos.

Un pintacaras foi o encargado de maquillar a todo aquel que o desexase no campamento viquingo. Simultaneamente, na praia de San Román actuou o grupo O Son do Sor e, ao seu remate, deu comezo o desembarco viquingo, un dos puntos fortes do día.

O acto vai seguido dunha batalla de viquingos —liderados polo histórico rei viquingo Björ Ragnarsson— contra as tropas cristiás, encabezadas polo rei Ramiro I. Seguido disto está programada unha procesión dende a praia ata o campamento.

MÁIS PROGRAMACIÓN. As actividades póñense en pausa durante a hora da comida para ser retomadas pola tarde, onde continúa habendo actividades para nenos no campamento viquingo e actuacións de O Son do Sor ou de Perkusiona. Ás cinco e media terá lugar o desfile viquingo e cristiá e do cal sairán premiados os mellores traxes. De seis a sete da tarde no campamento viquingo haberá un contacontos para todas as idades e de sete a oito xogos tradicionais viquingos.

Coa chegada da noite veñen outros dos pratos fortes e o primeiro deles é o gran torneo cristiá que está baseado na forma de facer hípica que empregaban os celtas. Tamén haberá outras actividades que están dirixidas a públicos de todas as idades como animación de gaiteiros de novo a cargo de O Son do Sor e de Perkusiona e un obradoiro de coiro no campamento viquingo ás nove da noite.

Ás dez da noite está programado un desfile dende a Praia de San Román e que contará coa presencia tanto das tropas cristiás como das viquingas e que levarán fachos ardendo. O grupo Perkusiona será o encargado da animación musical durante esta escenificación.

Posteriormente a zona central da romaxe será a que concentre toda a actividade da festa, cun enterramento viquingo ás dez e media da noite. Ás once terá lugar a actuación Terras de Queimada, de Bruxo Queiman. Asacocirco estará a cargo da actuación con lume que haberá as once e media. A noite péchaa Perkusiona con outra actuación musical. O amplo programa desta romaxe está pensado para atraer públicos de todas as idades e de todos os gustos. Ademais, o concello de O Vicedo tamén espera así atraer a un maior número de visitantes ata o pobo.

PREGÓN. Sergio Pazos, que non estivera anteriormente na localidade mariñana, sostivo con firmeza no seu pregón a celebración deste tipo de festas, debido a que considera que poñen en valor a cultura galega: "Hai que tirar pola terriña e defender ou noso, que o resto da xente faino moi ben e parece que a nós nos costa reivindicarnos. Hai que apoiar este tipo de eventos, que defenden moi ben as nosas raíces e a nosa cultura".

O actor narrou unha historia na que tanto el como a súa familia eran viquingos que queren volver conquistar o que era seu, porque escoitaran falar das celebracións que se facían nas terras do norte de Galicia. Durante o transcurso da historia, na que o humor estivo presente en todo momento, incluíronse moitas similitudes entre viquingos e galegos. Finalmente, o intérprete terminou o pregón cunha canción, cuxa letra era acorde á historia narrada.

Sergio Pazos lembrou ao seu predecesor. "Morris abriu a festa o ano pasado e creo que tivo un pouco que ver con que eu estea aquí este ano. A min encántanme este tipo de cousas, ademais apetéceme facelas con moito agarimo", destacou.

A praia de San Román énchese de viquingos
Comentarios