Que foi de... Suso Castiñeira?

Agora que non pode coller pesos, organiza a procesión máis senlleira de Foz, con milleiros de persoas nun día para a lembranza
Suso Castiñeira. EP
photo_camera Suso Castiñeira. EP

Suso Castiñeira di que se emociona cando lle chegan historias de xente que, "sen ser de ir á misa", despois de axudar a levar a Virxe do Carme no percorrido da procesión que fai anualmente na súa festa cóntalle que sentiu unha fonda emoción. El ten moita experiencia: explica que con só dezaseis anos xa saía de costaleiro "pero agora os anos pasan factura e xa non poido". Iso non quitou para que no 2010 collese a Cofradía Virxe do Carme-Mar de Foz, con entre 180 e 190 socios "nos que hai de todo: temos xente maior e máis nova, mulleres... Elas tamén van como costaleiras na procesión".

E é que dita procesión en concreto non é unha calquera. Malia a tradición mariña doutras localidades, a festa do Carme de Foz segue a ter un seguemento incrible "e os lectores do Progreso sábeno ben: o xornal sempre cubriu ben a festa e aí vese como milleiros de persoas nos acompañan".

Suso Castiñeira xa estivera na comisión de festas de 2000 a 2004 e acadaran o logro de deixar 6.000 euros de remanente que empregaron en cambiar a peana da imaxe da virxe, que tiña problemas de polilla "que é o peor para a madeira. Ao final viñeron aquí uns especialistas e aconselláronnos cambiar tamén o altar porque podía ser un problema para a imaxe. E non é unha calquera. Pesa uns mil quilos e hai que levala entre 19 persoas. Xa unhas catro semanas antes imos preparándonos para que cando chegue o día estea todo xa máis ou menos controlado e ensaiado, e non haxa problemas. Pero agora é máis ou menos sinxelo porque a xente ten experiencia" e loa que entre esa xente "teñamos tamén moita xente nova. Non é algo do que só se ocupe xente maior, niso a verdade é que temos sorte porque a xente de Foz se implica".

Da imaxe lembra que preguntaron polas súas características "e é única. Unha talla irrepetible do ano 1954, porque ademais o artista xa está morto. Non é unha mole de escaiola que se podería repetir e listo. É algo especial e penso que os resultados están aí, saltan á vista, porque é unha imaxe preciosa". Lembra dela que a pagaron os propios mariñeiros de Foz "cunha parte do quiñón que tiñan por ir ao mar naquela época. Custou 13.262 pesetas de 1954, que eran moitísimos cartos". Tamén iso a converte en algo moi especial para a historia de Foz.

Suso amósase moi satisfeito da implicación da xente nas alfombras florais que hai nas rúas "e que xa un mes antes da festa empezan a preparar recollendo flores. Aquí son sempre con motivos mariñeiros", e agradece moito o apoio tanto do Concello como da Confraría de Pescadores de Foz, un oficio agora case extinto no concello pero que non impide nin por un intre que esta festa siga carrexando centos e centos de persoas cada verán.

Comentarios