Tres solazos mariñanos

Repsol distingue ao Chiringuito de Abrela en O Vicedo, o establecimiento Vale en Viveiro e a xeadería La Real ribadense
José Luis Chaves, cun prato de vieiras en Abrela. ANTÍA
photo_camera José Luis Chaves, cun prato de vieiras en Abrela. ANTÍA

O estío e Repsol enchen de ledicia a Costa da Mariña ao outorgar tres Soletes de Verán a outros tantos establecementos da comarca. Unha recompensa ao traballo ben feito. A pastelería xeadería Vale de Viveiro é un dos locais recoñecidos. Alonso Vale González púxose en 2018 á fronte deste negocio que funciona dende 1979 ao xubilarse seus pais. Aspira a seguir polo menos como ata agora e amósase contento.

O xerente de Vale di que acadar un Solete supón "unha alegría, mais porque non esperabamos que nos desen un premio deste tipo, pois meu pai levaba moitos anos coa pastelería e nunca ningún premio nacional lle deran, é a primeira vez que nos pasa. Imaxino que probarían os produtos, verían a xeadería e gustaríalles.

Alonso Vale amosa un xeado en María Sarmiento. JOSÉ Mª ÁLVEZ
Alonso Vale amosa un xeado en María Sarmiento. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Alonso Vale considera que un premio así "sempre é bo para o negocio e a imaxe da marca aínda mellor. Levamos facendo xeados dende 1985, os subministradores téñennos dito de cambiar as fórmulas e dixémoslles que non porque sempre nos funcionaron ben, ao longo do tempo vese que dá o seu rendemento. Só compramos a materia prima e elaboramos todos os nosos produtos, é o noso valor diferencial, todos os anos sacamos algún sabor novo", comenta.

Vale ten o obrador en Santa María e tendas nas rúas María Sarmiento, ao pé da Porta de Carlos V, e en Lodeiro, onde incorporou cafetería con boa aceptación da clientela. O seu cadro de persoal está composto por uns 13 traballadores, once fixos e un ou dous que engaden no verán. Moitos son veteranos e levan máis de 30 anos con eles. Gardan de seguro o segredo deste recoñecemento.

Tamén presume dun solete José Luis Chaves, xerente do Chiringuito de Abrela (O Vicedo), que abriu o 20 de xuño de 2003. "Non o esperabamos, pero encantounos, é un recoñecemento ao traballo de 20 anos, foi unha alegría", di. A súa intención é seguir traballando na mesma liña.

Os peixes e mariscos son os puntos fortes da súa oferta xunto co contorno da praia de Abrela, "que nos dá moito, igual que os días con sol, dependemos moito de Lourenzo, e O Fuciño do Porco achegounos tamén máis xente", subliña Chaves, quen lembra que recentemente acolleron un equipo do programa ‘Comando actualidad’ que gravou unha reportaxe na zona. As boas críticas en TripAdvisor e Google axúdanlles. "Iso é cousa dos clientes que saen contentos e volven", sinala.

O Chiringuito de Abrela amplía o cadro de persoal que consta durante o verán ata de 14 ou 15 persoas. Na pandemia destacáronse pola grande separación entre as mesas e coa instalación dunha terraza cuberta hai uns anos ganaron moito espazo. A capacidade é dunhas 230 persoas entre o comedor e a terraza.

Tamén teñen mesas ao aire libre, baixo antucas. O local ten xa varias reservas para os meses de agosto e setembro, pois a xente que vén de fóra soe pedilas con antelación para poder ter un sitio garantido.

Dependente da xeadería La Real, en Ribadeo. P.V.
Dependente da xeadería La Real, en Ribadeo. P.V.

RIBADEO. O outro establecemento que acadou un recoñecemento similar foi La Real, unha tenda de xeados tradicionais que se atopa na rúa Villafranca del Bierzo de Ribadeo, en plena zona peonil da localidade.

Alí venden xeados de multitude de sabores que son sempre totalmente caseiros e subliñan o agradecemento por este novo recoñecemento que suman a outro que xa locen no local, neste caso a nivel estatal e por unha das súas creacións. En concreto, o xeado de requeixo. Todos os xeados que elaboran fanos integramente na localidade asturiana de Luarca desde onde os traen ao establecemento de Ribadeo. Alí atópanse nun local céntrico que ocupou unha tenda denominada La Real e decidiron manterlle o nome. Agora venden os xeados tanto para levar como para comer alí con ingredientes que engadirlles e cunha decoración moi coidada.

Comentarios