A Asociación de Violonchelistas de Galicia ofrecerá dous recitais en Viveiro

Será o sábado e terán ocasión de tocar alumnos do conservatorio e tamén colabora o Concello
vive
photo_camera Fernando Santiago, Jesús Fernández e Antonio José Álvarez, de esquerda a dereita. EP

A Asociación de Violonchelistas de Galicia Soncello recala coa súa actividade por primeira vez en Viveiro, onde ofrecerá o vindeiro sábado 29 o denominado 'Concerto Matinal', que en realidade serán dous recitais, ás doce e media no salón do conservatorio e á unha e media na sala multiusos do concello, en ambos casos de entrada gratuíta e libre ata completar o aforo.

O centro musical e o Concello colaboran nesta iniciativa co colectivo, que ten na súa directiva a un profesor do conservatorio viveirés, Fernando Santiago. "Son dous miniconcertos de pouco menos dunha hora de extensión", sinala o profesor, quen engade que aos músicos da asociación se sumarán alumnos do conservatorio nalgunhas pezas dun repertorio está formado por composicións de Bach, Mozart ou Piazzola, entre outros.

"No primeiro concerto van ser pezas a violonchelo só, sen acompañamento, e no segundo tocará tamén un cuarteto de corda con dous violíns, viola e violonchelo que vén do conservatorio da Coruña; tamén haberá outra intervención de dous violonchelos e para acabar un grupo grande de oito violonchelos, algúns do conservatorio de Viveiro", adianta.

A asociación Soncello, con dez anos de traxectoria, ten como obxectivo "divulgar e promover os violonchelos en Galicia", apunta Fernando Santiago, pois trátase dun instrumento "que quizais non é tan coñecido coma outros no mundo da música". Con esta finalidade o colectivo organiza xuntanzas e encontros tanto de carácter formativo como lúdico, con "concertos, xogos relacionados coa música, cursos de formación de profesorado ou aulas maxistrais e cursos para estudantes", cita o profesor, que engade a realización de cursos de verán en distintas localidades de Galicia. "Intentamos non centralizar toda a actividade no mesmo sitio e en Viveiro vai ser a primeira vez", sinala.

Desde o Concello animan a participar neste concerto que "ofrecerá pequenas intervencións de diferentes violonchelistas e outros instrumentalistas que demostran a versatilidade do violonchelo como instrumento só ou en conxunto". Lembran que a entrada é de balde ata completar a capacidade das salas e que se cumprirán "todos os protocolos sanitarios" e que se pode opter información do concerto na web soncello.com ou no correo [email protected].

Presentaron a iniciativa o concelleiro encargado do conservatorio, Jesús Fernández; o director do centro, Antonio José Álvarez, e o profesor Fernando Santiago.

Comentarios