Javier Castiñeira: "Sigo de preto o que se fai noutras deputacións e imos por detrás"

É cara máis visible do PP na Deputación nunha pandemia á que asegura que o organismo está chegando moi tarde
Javier Castiñeira. JOSÉ PALEO
photo_camera Javier Castiñeira. JOSÉ PALEO

Javier Castiñeira, portavoz do PP na Deputación e no concello de Foz, recoñece que a vida lle cambiou e que está a coñecer moito da provincia que aínda que coñecía, non tan a fondo. Iso si, asegura que como a política municipal non hai nada, malia o problema que ten de desgaste persoal.

Ten un rol agora importante no seu partido como cara visible do PP na Deputación. Énchelle este papel? É como agardaba?

O certo é que a sensación que teño é moi boa porque me atopei cun grupo estupendo de doce compañeiros, alcaldes e portavoces doutros concellos e co apoio incondicional de Elena Candia. As circunstancias cambiaron coas elecións, pero eu estou contento porque teño a opción de coñecer a provincia moito mellor do que a coñecía, atender a compañeiros de 67 concellos. É todo moi diferente ao que vivín como alcalde, onde te moves nun ámbito moito máis local pero isto tamén me deixa moi satisfeito. E logo gústame Lugo como cidade. A verdade é que é unha etapa da que estou desfrutando.

Visto desde fóra parece que mantén certas tiranteces con José Tomé, é así ou só é unha sensación?

Non, non, a relación con Tomé é boa. É certo que el empezou con expectativas excesivamente altas e non soubo manexar ben a situación da pandemia. Non houbo apenas actuacións nin anticipacións e creo que van moi por detrás doutras deputacións. Vemos o que fan noutras e a realidade é que imos moi por detrás, sen axudas ao tecido económico e empresarial, só nos aplicamos co plan único e con iso parece que chega. Entendo que chegamos tarde desde un primeiro momento. Pero si teño unha boa relación con el e téñoo en boa consideración. Xa o tiña antes, pero o certo é que eu estou aquí para fiscalizar á Deputación, un organismo moi importante con moito traballo e imos facer o noso traballo e facer ver á xente o que eles non están a facer.

E como leva ese papel despois do tempo que estivo na alcaldía?

Un sempre está mais cómodo no goberno porque é máis sinxelo, pero si é certo que hai que acostumarse e traballar doutra maneira. Ao final obrigaste a ser mellor. Conseguir cousas grazas a nós, na oposición, tamén satisfai. O partido confiou en min e estou nese empeño.

É posible que se crispase algo máis o ambiente. pero é porque somos o único grupo que hai agora na oposición

O certo é que o traballo que ten agora dista moito do da alcaldía. Bota de menos ese ritmo de traballo que tiña, ou este xa pensa que é dabondo?

Eu veño do ritmo dun concello coma Foz que o ten altísimo porque é un concello estacional no que pasan moitas cousas durante un tempo moi curto: as pontes, o verán, a Semana Santa, o Nadal. Iso é moi complexo de manexar e o alcalde non ten case ningún tempo á súa disposición. Así que a situación para min mudou notablemente. Agora traballamos doce deputados, temos un gabinete que nos axuda moitísimo no día a día no tema de documentación e asesorías. Na alcaldía, e isto vai un pouco por todos os alcaldes de concellos pequenos, ás veces canto máis pequeno peor porque non tes moitos medios. Así que non podo facer unha comparación. A cambio, agora si que fago mais quilómetros, quen máis o nota é o coche. Pero ten as súas cousas boas e evidentemente estás menos en contacto co teu propio concello por falta de tempo. Pero no caso de Foz tamén estou contento porque hai un grupo heteroxéneo e moi implicado. Estou moi contento. 

Pero sen embargo, onde si se percibe certo aumento da crispación é no Concello de Foz co alcalde. É así ou é só unha sensación?

É posible que se crispase algo máis o ambiente, si. O que pasa é que nós gobernabamos sós, había tres grupos na oposición e eles repartíanse ese traballo de oposición. Pero é que agora o PP é o que está na oposición só. E o PP ten que fiscalizar a un goberno en maioría. A oposición apenas conta para nada, non hai ese diálogo que había porque eu estaba obrigado a facelo porque si, e iso axudaba moito a pactar co BNG ou con calquera, a ensinar todo. Eu estaba preto dos grupos e incluso lles daba traballo. E agora non contan para nada con nós. Non só iso, é que nin nos explican nada nin queren que colaboremos en nada. Seguramente Fran Cajoto fose outro se non tivese un pacto co BNG e estivese en minoría porque habería presións. A alcaldía foi unha etapa moi bonita porque sei valorar ese traballo e ese diálogo. Cheguei a moitos acordos como proba o PXOM, o documento máis complexo e que se aprobou con once votos a favor de trece e dous do BNG que ao final tamén participaron na elaboración do documento e se lles recolleron as súas aportacións. O PSOE fixo un pacto en todo este tempo e no mesmo prazo eu ao mellor tiña trinta pactos feitos.

Sen embargo, os alcaldes soen estar especialmente satisfeitos desas etapas, malia o desgaste persoal.

Para min persoalmente é o millor en política porque tes máis contacto coa xente. Pero si que é duro e desgasta moito porque ao final eres xuíz e parte. Tes moitísimos problemas diarios, hai que improvisar moito e ben porque a realidade é improvisada, pasan cousas de hoxe para mañá que hai que atender. Pero é un traballo que forma moito e é de moi alto nivel. Comprobeino co falecemento de Pedro Manín, un pai, irmán e socio, un gran político niso, na política municipal de estar cos veciños, de falar coa oposición, de resolver. Esta é a parte mellor da política, pero ten un desgaste enorme porque non te entenden, non sempre acertas, cren que eres malintencionado cando ti nin entendes por que. A primeira lexislatura é moi complexa e supoño que Cajoto a pasou tamén con dificultades. Logo creas un callo que che axuda moito.

Comentarios