O recuncho de...

"En setembro baixo coas nenas á praia de Ril para desfrutar do sol"

A burelá Dolores Hermida elixe este areal como o seu recuncho no concello porque dela garda recordos de cando era nena e crea outros novos coas súas fillas
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Dolores Hermida Pernas, en Ril. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Os recordos de nena de Dolores Hermida Pernas, propietaria de Mercería Paca de Burela, están vencellados ás praias, sobre todo á Areoura e a Ril. Esta última é a que escolle como o seu recuncho no municipio porque non só garda recordos nela senón que  tamén os vai creando coas súas fillas. "En Ril teño recordos moi bonitos de pequena", di, "dende a pena que parece unha balea ou unha tartaruga, en función de quen a mire, lanzábamonos ao mar e tamén era alí onde desembocaban os residuos da fábrica de caolín, que lle daban ao mar unha cor que parecía o Caribe". 

"Agora tamén vou coas nenas porque gústalles subirse ás rochas e buscar todo tipo de fauna, como facíamos nós e era superdivertido", recoñece Dolores, "en setembro cando saen do colexio baixamos ata o areal a desfrutar un pouco do sol". 

Para Dolores Ril pódese aproveitar todo o ano: "Hai uns banquiños para sentarse e tanto no verán como no inverno é unha zona moi bonita para estar. É certo que as inclemencias do inverno son ás veces máis limitantes pero abrigados pódese estar sen problema".

Ril é unha praia especial para Dolores, igual que o é Areoura, pero todas as praias de Burela, (aínda que Areoura é xa Foz) teñen para ela o seu encanto: "O Portelo deulle moita vida á localidade porque pemite ir á praia dun xeito cómodo sen necesidade de ter que coller o coche, a do Cabaliño é unha caliña na que se está moi ben e Areoura, que aínda que xa sexa Foz é moito de Burela, e A Marosa son praias excepcionais pola area tan fina que teñen". 

E unindo todas esas praias está o paseo marítimo, "un prixilexio durante todo o ano". "Burela creceu moi rápido urbanisticamente, pero o mar sempre está aí e o paseo é un verdadeiro luxo", indica e recoñece que para os nenos "é moi enriquecedor desfrutar da natureza neste espazo despois de estar todos os días entre libros e pantallas", polo que é un recurso do que na súa familia botan man a cotío. 

Comentarios