"Sempre me gustou a vista da vila dende esta zona"

Ricardo García, presidente da asociación A Rebolaxe, destaca as ruínas da antiga fábrica de salgadura de San Cibrao como un lugar especial no concello cervense
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Ricardo García, na antiga fábrica de salgadura de San Cibrao. JOSÉ Mª ÁLVEZ

"Sempre me gustou a vista de San Cibrao dende as rochas que hai á beira da antiga fábrica de salazón do paseo de Lieiro", asegura Ricardo García López, presidente do grupo A Rebolaxe de San Cibrao, que escolle este recuncho sancibrense como o seu preferido do concello de Cervo. "É unha zona moi bonita tanto polas vistas, que son espectaculares, como porque é un lugar que transmite tranquilidade e paz", asegura e engade que o tramo do paseo marítimo, dende Lieiro ata a praia da Limosa, é un lugar especial onde é sinxelo esquecerse do balbordo da vida diaria. 

Ademais é un lugar que ten encantos diferentes segundo se visite no verán ou no inverno. Nestes meses o que máis destaca Ricardo son as vistas que ofrece de San Cibrao e no inverno o que máis recalca é o son que fan as fortes mareas contra as rochas. "É un son precioso", recoñece. 

Aínda que nado en Viveiro, Ricardo leva anos vencellado a San Cibrao e por iso tamén ten algún recordo especial deste lugar e, como non podía ser doutro xeito, vencellado tamén á música. "Temos ido varias veces de noite para tocar a gaita alí", asegura. E é que de noite as vistas tampouco son de todo malas coas luces do pobo escintilando ao fondo. 

Daquela fábrica de salazón do século XIX só quedan agora estas ruínas a carón da praia na desembocadura do río Covo. Siguen sendo testigo dunha industria que tivo a súa importancia no municipio e, de feito, non son as únicas que existen na localidade. A carón da praia de Cubelas, sobre un promotorio de rochas e mirando ao mar, pódense ver aínda os restos doutra destas antigas fábricas. Quizáis estas sexan máis coñecidas porque están nun lugar máis visible, xusto na subida ao faro da Atalaia, un dos lugares máis visitados de San Cibrao. "Esas tamén son bonitas e poderían dar tamén para outro recuncho", recoñece Ricardo, aínda que para el as súas elexidas son as de Lieiro, que máis agochadas ofrecen un lugar realmente especial.

Comentarios