Sempre coa avoa en mente

A ilustradora Lucía Vila expón na Sacabeira de Sargadelos os seus debuxos da pademia
Catro dos debuxos que4 se expoñen no café-bar cultural A Sacabeira e Lucía VIla coa súa avoa.L.V.
photo_camera Catro dos debuxos que4 se expoñen no café-bar cultural A Sacabeira e Lucía VIla coa súa avoa.L.V.

A artista Lucía Vila (Barreiros, 1984) expón en A Sacabeira de Sargadelos, un espazo hostaleiro con vocación cultural, as ilustracións autobiográficas que fixo durante os días de peche da pandemia. Cada día de confinamento debuxaba ou pintaba un que logo subía ás redes sociais. "Era como un abrazo á xente que on podía ver, un caderno de viaxe con mensaxes para as persoas que eu quería e que tentei serviran de acompañamento durante ese tempo que se nos fixo tan longo", di a ilustradora.

Agora expón algúns deses debuxos naif cos que tratou de empatizar e dos que está a percibir "unha resposta moi positiva porque a xente os fai seus". Por riba, resalta que "nas miñas ilustracións sempre está presente a avoa Carmen, concretamente na exposición da Sacabeira as protagonistas somos ámbalas dúas".

As ilustracións reflicten un caldo de emocións do que ía pasando durante o confinamento

Lucía Vila estudou Belas Artes e Historia da Arte na Universidade de Salamanca, formouse como profesora na especialidade de Didáctica das Artes e traballa como mestra de ensino primario en Asturias. Neses meses de encerro que ela recorda como "tan absurdos" foi sacando día a día, como un exercicio persoal obrigatorio, debuxos que correspondían ao que estaba vivindo. "Un caldo de emocións –explica–, do que ía pasando neses momentos".

Di que a súa obra é sempre "o resultado dun vivir lentamente e soñar cos ollos abertos, permitindo aos detalles non pasar en ningún modo desapercibidos".

Cos debuxos quere narrar ese mundo seu "tenue, atravesado de luz blanca, onde sentimentos e sensacións se materializan nun estilo propio". Na súa traxectoria destaca o labor na creación de libros ilustrados e a esporádica dirección de obradoiros artísticos e deseño de espazos educativos relacionados coas artes plásticas.

Comentarios