A seca fai tremer as fontes mariñanas

Varias delas secáronse totalmente como a do Valín, en Ribadeo, e outras esixen paciencia dos veciños para encher os seus recipientes
Así pingaba o cano da Fonte do Valín na tarde de este xoves. PALEO
photo_camera Así pingaba o cano da Fonte do Valín na tarde de este xoves. PALEO

Son moitos os mariñáns que non se conforman coa auga que teñen na traída pero tampouco queren gastar os cartos nun ben de consumo que debera estar ao alcance de calquera nun país coma este, con tal abundancia de agua.

Así que as fontes seguen a ser moi socorridas malia que o paso do tempo poida facer pensar o contrario. Pero as fontes están a ser unha máis das vítimas da seca que está deixándoas tremendo nestas datas pois hai xa moito tempo que non chove dun xeito continuo nin dabondo como para acadar o obxectivo de que a auga se vaia recuperando.

Fontes e regatos atópanse con este problema a miúdo e un exemplo do que está a acontecer estase a dar en Ribadeo nunha das máis populares das que hai alí, a Fonte do Valín, na parroquia de Ove.

Desde hai xa semanas a fonte quedou totalmente seca. O regato que chega ata ela está igualmente seco de todo. Hai días, coma este xoves, no que corre unha pinga de auga polo seu cano pero que ofrece unha imaxe aínda máis pobre da situación na que se atopa.

Farían falla horas para poder encher unha botella de litro e medio das que é máis habituais que se reciclen despois de mercalas.

A xente que adoita coller auga na Fonte do Valín sabe ben que esta situación non é nova. Saben tamén que hai anos non había problema para ir encher as garrafas alí e que desde hai un tempo ir no verán é un problema porque hai que botar un bon anaco alí, agardando a que se enchan os bidóns ou as botellas.

Pero ao mesmo tempo tamén saben que o que aconteceu este ano sáese moito do habitual, porque aínda que outras veces a fonte quedou sen auga, nunca durante tanto tempo.

O Valín, recuperada a finais dos anos 90 despois de que quedara case esquecida, segue a ter un bon número de seareiros que saben que a auga que brota alí é de moi boa calidade e ten un gusto que xustifica o desprazamento, xa que se atopa a case tres kilómetros da vila, pero superando ademáis a costa do monte de Santa Cruz, que fai que sexa obrigatorio ir con algún vehículo para voltar logo co peso da auga recollida alí.

Agora ameaza choiva durante varios días e os usuarios da fonte agardan a que sexa dabondo como para que se vaia recuperando, sabedores de que os primeiros días a auga non sabe moi ben, ata que se limpa e volve ser o que foi.

OUTRAS QUE O SENTEN. Noutras fontes que parecían a proba da seca e a auga soe saír con abundancia, tamén se está notando un menor caudal. É o caso da Fonte da Tella de Sargadelos ou a de Viladesuso, en Cervo. Nesta última, normalmente os recipientes énchense moi rapidamente con auga fresca e que agora segue potable pero en menor cantidade.

Magdalena López Vázquez, veciña do lugar que supera os 70 anos di que desde nena bebeu desa fonte, construida en 1921. "Este verán baixou o caudal pero aínda así segue saíndo polos dous canos", apunta, optimista.

Más en A Mariña
Comentarios