O RECUNCHO DE...

"Santo Estevo é moito máis que a fervenza"

Sofía López, técnico de turismo de Barreiros, aconsella sempre unha visita a esta paraxe natural do municipio, que para ela é unha suma de historia, lendas e patrimonio que o fai especial
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Sofía López, en Santo Estevo. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A paraxe barreirense de Estevo do Ermo ten historia, lendas e un patrimonio cultural e natural que fai que este máxico entorno sexa un dos recursos máis demandados do municipio. Así o confirma Sofía López, a técnico de turismo municipal, que elixe este recuncho do municipio como o seu lugar preferido. Aínda que é laurentina de nacemento leva 12 anos en Barreiros e recoñece que Santo Estevo ten algo especial para ela: "É moi coñecido pola fervenza, pero en realidade é moito máis e a min persoalmente gústame moito".

Si, ten moito máis e Sofía non deixa de enumerar todo  iso que o fai tan especial. No seu entorno hai unha fraga "que non ten case ningunha intervención humana, polo que se pode contemplar a vexetación natural en estado puro e con algunhas especies protexidas"; tamén hai unha ermida, "milenaria, porque as primeiras referencias son do século IX", co cal é sen dúbida a máis antiga de Barreiros; unha fonte, a de Santa Rosa, rodeada como non de árbores, con augas ás que a tradición lles adxudica propiedades curativas para as afeccións da pel; e nun lugar tan máxico non podían faltar os rituais ancestrais "que hai moitos"; e a fervenza, por suposto, unha caída dende 15 metros de altura á que se chega por un paseo natural dunha beleza extraordinaria que invita á calma e á desconexión. 

Ata Santo Estevo pódese chegar en coche ata o pé da capela, pero o mellor é deixalo no desvío que indica a paraxe na carretera que sube cara a Trabada e facer a pé o tramo de pouco máis dun kilómetro que leva a este entorno por unha pista de terra. "É un percorrido moi cortiño e asequible que escolle moita xente que  visita o lugar", explica Sofía, que subliña que os visitantes que se achegan á oficina de turismo a preguntar por esta paraxe "levan un folleto co percorrido máis idóneo e cos valores que ten ese lugar".  Ademais chegar é moi sinxelo porque "está perfectamente sinalizado dende San Cosme". 

Comentarios