Un santiseiro facendo as Américas

O xornalista e escritor Héctor Acebo leva meses impartindo clases nunha universidade boliviana, pero ao mesmo tempo segue colaborando con Lugo en varios eidos da cultura

Héctor Acebo. AMA
photo_camera Héctor Acebo. AMA

Semella que a emigración a América é cousa doutro tempo, pero non é así. O santiseiro —natural de San Tirso de Abres— Héctor Acebo Bello, escritor e xornalista de 31 anos, que traballara e segue colaborando con El Progreso de Lugo, leva varios meses exercendo de coordinador de investigacións da Facultade de Ciencias Empresarias e Sociais da Universidade Privada del Valle, en Cochabamba, Bolivia.  

"Ultramar constituía para min un destino natural, pois coñecía o continente —en 2014 estivera en Arxentina e Uruguai por motivos literarios e familiares—, e porque a miña familia é froito da emigración", admite o doutor en Xornalismo pola Complutense de Madrid. Tras doutorarse en 2017, enviou o seu currículo a varias universidades latinoamericanas e atopou o seu destino en Bolivia, onde coordinou, xunto ao seu xefe, o director de investigación Jorge Ruiz, a memoria dos 30 anos da devandita institución académica boliviana.

Un dos seus proxectos principais foi o da creación dun equipo cinematográfico de estudantes, o Univalle Films, co que coordinou a curtametraxe ‘Con la música en la piel’, dirixida por un alumno seu, Sergio Céspedes e estreada recentemente nun dos cines máis importantes de Cochabamba, sede do Parlamento Suramericano. "Guionizamos, rodamos, producimos e editamos o filme en só dous días. Apenas durmimos porque así o esixía o concurso ‘48 Hour Films Project’, no que participamos", matiza o xornalista que está a pasar o Nadal en San Tirso.

O escritor participa asemade coma letrista e prologuista no novo discolibro de Ugia Pedreira, Pierrot Rougier e Abel Pérez, no marco do proxecto musical A Comuna del Barruzo, que emprega o galego de Asturias e que está xa á venda. Escribiu os versos de ‘Nena pisquela’.

O PAÍS. Para Acebo, "Bolivia ten en común con Galiza a diversidade paisaxística e cultural". "Aquí existen 37 idiomas vernáculos e os máis empregados son o quechua, que se fala onde eu vivo, en Cochabamba; o aimara e o guaraní", sinala. As linguas naturais "conviven en situación de cooficialidade co español, coma no caso do galego con este último idioma".

No que atinxe ás diferenzas con Galicia, "hai que lembrar que Bolivia é un país subdesenvolvido, aínda que nos últimos cinco anos experimentou o crecemento máis alto de Sudamérica", apunta o profesor. "A rede de camiños boliviana atópase en mal estado, o cal impide un desenvolvemento integral do turismo para este país riquísimo en biodiversidade", engade. Entre os aspectos máis positivos dos que tomar exemplo, Acebo ve á mocidade moi respectuosa cos anciáns e, "igual que en toda Latinoamérica, a xente é máis cálida" e nese senso lembra o caluroso recibimento, coma se fora un familiar, que lle dispensou o seu propio xefe, Jorge Ruiz, pese a que só tiña falado con el dúas veces por Skype. "Como profesional e coma persoa nunca me sentira tan valorado", claudica.

Hai 37 linguas vernáculas no país. "Apenas coñecen o galego, pero si o catalán e están ao tanto do conflito", matiza o profesor

Alí pouco saben de Galiza, "alén dos estereotipados chistes sobre galegos" e "só unha parte da xente formada nos eidos das Humanidades e das Ciencias Sociais saben que, dentro do Estado español, Galiza é unha nación histórica que conta cun idioma propio, cooficial". De feito, Acebo apunta a que os bolivianos que lle escoitan falar en galego "sorpréndense das similitudes existentes entre este idioma e o portugués, porque moitos ignoran que ambas linguas constituíron un mesmo tronco". O seu alumnado coñecía máis "o éuscaro e o catalán, pola serie televisiva ‘Merlí’ e polo conflito co Goberno central".

Sen embargo, "nas cidades rioplatenses aínda os netos e bisnetos de galegos estudan a lingua, porque Bos Aires chegou ser a quinta provincia galega, con 100.000 galegos censados alá en 1950".

O santiseiro, que seguirá o seguinte semestre en Univalle, avanza que posiblemente coordine unha webserie ficcional de denuncia sobre a problemática social na xuventude bolivariana. Aparte, tratará de que vexa á luz en Galicia o seu poemario inédito en galego titulado ‘Fuxitiva’. Unha escolma deste traballo, ‘A carriola do merlo’, resultara premiada no concurso mindoniense Díaz Jácome e dúas elexías da obra, ‘Elías Ferreiro’ e ‘Paco de Robaín’, publicáranse en El Progreso.

Más en A Mariña
Comentarios