Sandra Piñeiro: "Non sempre é sinxelo ver que eres vítima de violencia de xénero"

A titular do xulgado de instrución número 2 de Lugo participa este venres nunha xornada en Ribadeo para falar sobre a violencia machista e as novas tecnoloxías
Sandra Piñeiro, no seu despacho. XESÚS PONTE
photo_camera Sandra Piñeiro, no seu despacho. XESÚS PONTE

Pouco parece dubidar Sandra Piñeiro cando se lle pregunta calquera cuestión vencellada ao seu negociado: a xustiza. E o mesmo cando se lle cuestiona algo no que ela é especialista, a violencia de xénero. Dela mesturada coas novas tecnoloxías fala este venres en Ribadeo dentro do programa que a concellería de Igualdade organiza con motivo do 25-N.

Pedíu máis xulgados especializados en violencia de xénero e loubou a chegada de psicólogos. Iso nótano no seu labor?
Si, as oficinas de atención ás vítimas creadas co Estatuto de Vítima de 2015 fan un traballo moi importante. De feito, teñen encomendadas moitas funcións como o auxilio, asesoramento… de todos os delitos, pero destes tamén. Pero é obvio que son apoios fundamentais porque ás vítimas lles resulta ao mellor un medio menos hostil por descoñecemento do procedemento. Estes profesionais fan labor de asesoramento, de acompañamento mesmo na celebración do xuízo… Ese labor nós non podemos desenvolvelo porque tamén temos que garantir os dereitos dos acusados, non podemos tomar partido nunca e debemos tutelar os dereitos de todos. Eles elaboran informes de necesidades de protección para practicar probas, evitar vitimizacións secundarias polo contacto co procedemento penal, que é duro, eu non o dubido. Eles foron unha demanda de sectores das vítimas e fan un gran traballo.

En violencia de xénero fálase moito da importancia de denunciar, pero se se mestura iso coas novas tecnoloxías, denúnciase menos? 
En moitas ocasións tomar conciencia de que eres vítima dun delito deste tipo é complicado. Todo o mundo sabe que unha agresión física convértete en vítima. Pero nun ciberacoso enfrontámonos a algo que muda as formas de violencia tradicionais. É un fenómeno que fai que cando a vítima pon límites para que o agresor non entre en contacto con ela, internet volta facilitar eses contactos. E é difícil poñer límites. Accédese ás amizades desa persoa, a través de terceiras persoas, con determinadas aplicacións, espíase, censúranse as fotos en redes sociais... Hai mil formas non tradicionais de violencia ou acoso asociadas a estas tecnoloxías. E non sempre é delito. É necesario que esa conduta estea especificamente prevista e como isas novas tecnoloxías evolucionan moi rápido, temos ese hándicap: condutas machistas que o lexislador aínda non puido atender ou dificultades para poder encaixalas. 

"Temos que garantir todos os dereitos, tamén os dos acusados"

Coas ferramentas xurídicas das que dispoñen agora, é máis complexo perseguir estes delitos?
A lei penal é a ferramenta que temos. Sempre se di que as vítimas denuncian e non é correcto. Ademáis do que nos chega por asistencias médicas ou denuncias directas, o que queda para terceiras persoas... diría que iso é o 70%, o que deixa un porcentaxe amplo para testumuñas ou achegados. Temos que encaixar iso nun delito concreto e ofrecer un procedemento penal con garantías de proteción á vítima pero tamén garantir a presunción inocencia, o in dubio pro reo… Garantir por riba de todo a legalidade, porque esa é a garantía de que o sistema funciona. Pero si, hai que mellorar as ferramentas para dar respostas satisfatorias.

Atopouse acusados que, de verdade, non eran conscientes de ter cometido un delito?
Si, si. Iso é real. Mesmo con delitos sexuais. Ás veces non son conscientes do que fan. Alguén dixo que a violencia de xénero é unha enfermidade de transmisión social e é moi certo. Isto de atoparse con alguén inconsciente do que fixo non é nada inusual. Cando lles transmitimos os feitos polos que os chamamos a declarar, adoitan xurdir alegacións de que había consentimento, que iso non é violencia de xénero, que non é delito… Son respostas naturais e iso é moi preocupante. Cousas como obrigar á parella a que che ensine o teléfono para ver o seu contido, Ou xerar violencia ambiental rompendo obxectos porque non reciben unha resposta online imediata. Isto pasa. Hai explosións de violencia verbal, recriminacións... Rompen cousas porque se busca intimidar e afectar á liberdade da vítima. Créase un ambiente de coacción para que fagas o que quero. Son declaracións complexas e hai que valorar ben. Non é o mesmo chamarlle puta a unha muller unha vez que varias veces ó día. O efecto anímico, o menoscabo na súa integridade, non é o mesmo. Non é igual dicilo nun contexto illado dunha discusión que facelo a cotío.

Adóitase dicir que estes son delitos de xente de 35 para abaixo, pero isto é así realmente?
Si que hai estudos a respecto da xente máis nova porque eles son nativos dixitais e desde a adolescencia tiveron acceso ás redes. En xeral si é un fenómeno de xente nova porque para eles é algo natural na súa forma de relacionarse. As súas relacións sociais son así a diferencia das dos máis maiores, que son máis presenciais. Son polo tanto novas formas de violencia de xénero asociadas ás novas tecnoloxías, ás redes sociais.

Que pode facer un home no seu día a día para loitar contra a violencia machista?
Moitas cousas. Pero o primeiro, tomar conciencia. Pensamos que o máis inofensivo son os chistes, os memes. A xente cala, ri ou non di nada. Iso empeza unha espiral na que a morte é o máis grave de todo, pero ata chegar aí vimos de moito máis atrás, empezamos con micromachismos condicionados socialmente. Colaborar nese senso é dificultoso porque tes que tomar conciencia e poñer límites e non sempre é algo cómodo. Créanse situacións violentas ás que a xente non se quere enfrontar. Ante situacións coma os memes, non facer o comentario sinxelo só porque nos parecen menos perigosos. A forma de evolucionar é acadar unha sociedade igualitaria, ese é o obxectivo. E para iso é importante dar o o primeiro paso, crear discrepancias nos grupos, nas familias, nos amigos. Así contribúes, ao mellor sen darte conta, a loitar contra situacións máis graves. Toda discriminación é odiosa como tal e as mulleres non temos os mesmos dereitos que os homes, ese é o punto de partida e con eses micromachismos estase erosionando a liberdade das persoas. E para que non cheguen cousas graves, hai que poñer antes o foco no menos grave porque ise é o caldo de cultivo no que logo se xeran as cuestións máis graves.

"Na pandemia vimos que a violencia machista continuaba polas redes sociais"

Que rede social diría que é a máis perigosa a nivel de acoso, ou o perigo está nas persoas, non nas redes?
Non temos estudos para poder relacionar os ciberacosos con redes sociais concretas. Necesitamos datos estatísticos reais. A miña experiencia é subxectiva e aleatoria porque depende de vítimas concretas, de perfís sociais, do número de denuncias, do perfil do agresor... Non é nada fiable e ademais estas formas de violencia exceden da violencia máis tradicional. Os insultos e ameazas identificámolos automaticamente. A chantaxe emocional é máis complicada porque afecta ao deterioro da imaxe social porque presentan a muller como culpable, responsable. Elas teñen vergoña e un equilibro emocional roto… Isto fai que o mundo dixital exceda o habitual e crea máis vulnerabilidade emocional nas vítimas.

A violencia machista vai a máis ou a menos?
Xa na pandemia vimos que a situación era preocupante malia que os datos baixaban, pero porque era algo normal: non te podías mover. Pero entón vimos que isto se mantiña polas redes sociais, que facilitaron acceder ás vítimas de forma repetida, disruptiva e invadindo a súa vida. E agora segue o incremento, pero tamén pode reflectir que hai maior concienciación e hai máis denuncia destas condutas. Sempre son dous factores a ter en conta: que medran ou que se denuncian máis. Pero é complicado saber ata que punto chega cada cal. 

Comentarios