Dende o día que Queen chegou á casa desta familia de Barreiros converteuse en compañeira infatigable de batallas de Iago García Díaz, segundo a súa nai Sandra Díaz Otero. E van xa dez anos, que cumprirá no vindeiro mes. O seu tamaño condiciona a súa esperanza de vida, pois esta raza acada unha media de oito anos. Desta aínda poden seguir desfrutando, pero é a única viva dos seus irmáns.
A súa familia describe o seu carácter como "cariñoso, obediente, sociable e nobre. Non lle gusta nada estar soa e amosa unha constante necesidade de atención, necesita o contacto con xente e preferiblemente con cativos, converténdose na súa cómplice de xogos e travesuras". "Trastadas miles ao longo destes dez anos, non todas culpa de Queen, tamén algunha de Iago", o fillo de Sandra.

Esta dogo alemá alimentouse de penso adaptado as súas necesidades nos primeiros meses para favorecer o seu desenvolvemento muscular, e agora come outro axeitado á súa idade, aínda que "e vez en cando consentímoslle algún capricho. Toma pequenas porcións e varias veces ao día para axudarlle coa dixestión, xa que soen ter problemas estomacais", di Sandra. Gústalle moito o peixe, "ía para gato acabou de can, sobre todo o bonito e as sardiñas, e o que menos, a verdura", sinala.
A cadela tamén fai exercicio moderado a diario para regular a súa musculatura. "Encántalle correr en liberdade e xogar na praia con algún ramallo ou con algunha pelota no xardín. Ás veces acompaña a Iago con patíns ou na bici", conta Sandra.
A Queen "gústalle moito que a cepillen e tamén bañarse, sempre e cando a auga non estea fría no inverno, e secarse á calor do secador". Sandra comenta que a súa afección favorita durante os meses de inverno é unha sesta a carón da cheminea. Ademais visitan ao veterinario para poñerlle vacinas ou desparasitala, coidarlle a boca e as unllas.
Sandra asegura que "convivir con Queen achéganos miles de experiencias gratificantes, obligacións e responsabilidades para o seu coidado e benestar, ademais da alegría e o cariño que recibimos ao chegar á casa". Desde que chegou a Barreiros empezaron a educala "para que nos resultará mais fácil tendo en conta o seu gran tamaño, o que máis nos custou foi quizáis empezar a levala ao paseo".