As San Lucas navegaron entre a choiva

O mal tempo da fin de semana non conseguiu mermar a capacidade de congregar público das feiras mindonienses
Homenaxe a Pascual Veiga, no cemiterio vello. RUBÉN LEIVAS
photo_camera Homenaxe a Pascual Veiga, no cemiterio vello. RUBÉN LEIVAS

Din que a choiva adoita facer acto de presenza nas San Lucas de Mondoñedo. Será por aquilo de non perderse as feiras máis antigas de Galicia. Por iso os asiduos a esta cita non se estrañan de que caiga algunha pinga nalgún dos días de festa. Aínda que este domingo podíase escoitar nas rúas, que por momentos parecían ríos, unha frase moi repetida: "Nunca tanto choveu, tantos días". Pero se chove, que chova, porque As San Lucas teñen un poder de atraer xente coma poucas outras citas na contorna. Con todo, a organización, a cargo da asociación As San Lucas, laiábase de que o mal tempo deslucira un pouco os actos, sobre todo da fin de semana. "Todo está saíndo segundo o previsto, pero é certo que estamos algo disgustados porque coma este ano, parece que nunca choveu e os actos non locen do mesmo xeito", aseguraba o presidente do colectivo, Miguel Souto.

Pero foi domingo. E os domingos son para ir comer o polbo á feira. Polo que foron moitas as persoas que se deron cita na alameda para comer e departir e desfrutar da última xornada dunhas festas que cerran a temporada festiva na comarca.

Dentro do programa de actos estivo moi presente a cultura coas homenaxes a Noriega Varela, na rúa que leva o seu nome, e a Pascual Veiga no cemiterio vello. Nos dous actos tomou a palabra o cronista oficial da cidade, Antonio Reigosa. Tamén foi a entrega do premio Mondoñedo 10 na modalidade de ensaio a Ramón Villares, autor da obra Identidade a efectos patrios. Villares, que recibiu unha obra orixinal do artista mindoniense J. Pedro Gómez e un diploma acreditativo, recordou no seu discurso os seus lazos con Mondoñedo. Neste acto, celebrado no auditorio e con numeroso público asistente, tamén houbo un recordo para Alicia Tella-Villamarín Ferreiro, "a eterna bibliotecaria de Mondoñedo", falecida fai pouco tempo. Para pechalo Xulia Nogueira e Suso Álvarez interpretaron os poemas Canción humilde e As froliñas dos toxos, de Noriega Varela musicados por Xan Carballal.

Xa pola tarde, os cabalos volveron estar presentes no concurso de cabalos trotóns que se celebrou no recinto da Granxas.

Para continuar coa tarde e poñerlle boa cara ao mal tempo, o monologuista Álex Clavero fixo escachar de risa ao público no auditorio. E como non hai boa festa sen orquestra, La Ocaband e Os Satélites puxeron o broche de ouro ás verbenas na alameda.

Más en A Mariña
Comentarios