As San Lucas manteñen o pulso

O ambiente nas feiras de Mondoñedo estivo moi animado para celebrar o seu día grande
Videomupping que se proxectou o sábado sobre a fachada da catedral. EP
photo_camera Videomupping que se proxectou o sábado sobre a fachada da catedral. EP

Ninguén entendería Mondoñedo sen As San Lucas e As San Lucas sen Mondoñedo. Por iso este ano non se podían deixar de celebrar, aínda que fora dun xeito acorde coa realidade que se está a vivir. Baixo as normas de seguridade das autoridades sanitarias, Mondoñedo viviu este domingo o día grande das súas "grandes feiras" e fíxoo con moito ambiente nas rúas, aínda que "nada que ver co de anos anteriores", recoñecían moitos dos asistentes lembrando a Avenida das San Lucas ateigada de xente.

Un dos puntos máis concurridos foi a alameda, onde estaba instalada a degustación do polbo. E é que tampouco se entenden As San Lucas sen o polbo. "Hai que cumprir as normas, pero ninguén se quere quedar sen polbo", recoñecían moitos dos asistentes, que tiveron que cumprir co protocolo de entrada e saída do recinto e usar o xel hidroalcohólico instalado no acceso de entrada.

San LucasNo programa deste domingo tampouco faltaron os cabalos. Por unha parte celebrouse a final da Copa Galicia do concurso morfolóxico de pura raza galega. En Mondoñedo os gañadores foron Kalifa de Félix Pérez e Támega de Lino Freire. Os puntos desta proba deixaron como gañadores galegos a Jalisco e Támega, dous exemplares de Lino Freire. Tamén onte foi o concurso de andadura. Na modalidade de chapeada resultaron gañadores Jacky de Pedro Pardo, Quin de Borja Rodríguez e Leo de Jaime Carro e en serrada Gringo de Jesús Freire, Confurco de Yago Carro e Lady Strom de Rubén Gómez. Ademais celebrouse unha exhibición de doma con cabalos de pura raza galega.

San Lucas

Este domingo tamén foi o acto de irmanamento con Ferrol no consistorio e a homenaxe a Pascual Veiga no cemiterio vello. O cronista oficial, Antonio Reigosa, tamén escolleu As San Lucas para presentar o seu libro Contrahistorias de Galicia e pechou o día unha sesión de fogos artificiais que se puideron ver dende calquera punto da cidade para evitar as aglomeracións nun único punto. A música tradicional resoou polas rúas da man de Donaire da Coruña, A Rebolaxe de San Cibrao e Souto Xímaro.

Acto de irmanamento entre Mondoñedo e Ferrol. EP

ÚLTIMOS DÍAS. Só restan dous días para rematar As San Lucas máis atípicas que se recordan. Este luns ás doce do mediodía é a misa presidida polo bispo na catedral e haberá ruada a cargo de Foles de Viveiro. Ás dúas actuará na alameda o dúo Aroma, que volverá facelo ás oito da tarde, como un xeito de recordar as sesións vermú e as verbenas das festas. Para as sete está prevista a actuación da ilusionista Fani Triana no auditorio.

Para este martes, Día das Maulas, o auditorio acollerá o espectáculo Miragres, cantigas de Alfonso X de loor a Santa María de Mircromina Títeres.

Para os actos no auditorio é preciso recoller as entradas na oficina de turismo.

E así se despedirán As San Lucas ata o 2021.

Comentarios