As San Lucas conservan a esencia

O concurso de cabalos trotóns e a música tradicional centraron os actos do Día das Vésperas
A banda de gaitas Dambara, nas San Lucas. EP
photo_camera Un participante no concurso de cabalos trotóns e pasarrúas da banda de gaitas Dambara.

A Asociación As San Lucas de Mondoñedo apostou por facer un programa de feiras axustado ás novas esixencias do covid, entre outras cousas, porque a continuidade das festas, que se celebran dende 1156, é un valor máis delas e forma parte da súa identidade. Por iso, aínda que cun programa máis reducido e adaptado ás circunstancias As San Lucas estanse a celebrar estes días sen renunciar ao cabalo, á música tradicional, á cultura e ao cheiro do polbo na alameda.

Aínda que non houbo a tradicional feria no Campo dos Paxariños, o sábado o concurso de cabalos trotóns reuniu a bastantes afeccionados a este mundo no recinto da Granxa. Houbo unha vintena de participantes e 30 animais que se disputaron os oito primeiros postos. Jaime Carro con Havena Party acadou o primeiro premio, dotado con 110 euros. O segundo posto, con 90 euros, foi para Manuel González con Zafiro e o terceiro, que levou 70, para Rebeca Bermúdez con Defi Daipret. O cuarto premio, dotado con 50 euros, foi para Cristian Parapar con Mía e o quinto, de 30 euros, para Borja Rodríguez con Rihana. O sexto, séptimo e oitavo levaron un trofeo e recaeron en Eloy Pereira con Sito e Jaime Carro con Imagine Haufor e Rayder.

Unha charanga animou o ambiente a mediodía polas rúas para marcar o ritmo festivo e na alameda fixo unha pequena sesión vermú e pola tarde foron as bandas de gaitas do encontro folclórico as que puxeron o son tradicional. La Reina del Truébano de Navia, Dambara de Burela e O Arco da Vella de San Miguel de Reinante percorreron as rúas da cidade e actuaron en distintos puntos para evitar as aglomeracións.

Un dos actos máis esperados foi a proxección sobre a fachada da catedral de dous vídeo mapping que engaiolaron aos asistentes coa súa vistosidade e realismo. No medio de ambas proxeccións foi o concerto de Xosé Lois Romero & Aliboria, un colectivo de novos músicos galegos que reinventan os cantos e os ritmos enxebres de Galicia conxuntando as potentes voces das súas cantantes con innovadores arranxos para percusión tradicional.

Entrada a noite, Voces da Paula inundou a alameda e o día rematou cunha segunda proxección dos vídeo mapping na Praza da Catedral.

Comentarios