San Cibrao berra "as cubas non se paran" 33 anos despois do afundimento do Casón

Os traballadores concentráronse para conmemorar aquela parada na central
photo_camera Concentración na Praza da Casa da Cultura. MIGUEL ALBO

Os traballadores de Alcoa en San Cibrao concentráronse este mércores para conmemorar a parada das cubas da fábrica hai 33 anos logo do afundimento do Casón.

Máis de tres décadas despois é precisamente a parada das cubas de electrolise o que tenta evitar o plante, pendente dun despedimento colectivo para 524 empregados que aseguran que, de executarse, sería un golpe letal para a economía da comarca da Mariña. Por iso, o berro xa coñecido de "as cubas non se paran" resoou con forza na noite de San Cibrao, onde desde as 21.00 horas, na Praza da Casa da Cultura, se levou a cabo esta nova protesta. A vila quedou a escuras en apoio aos traballadores.

O plantel continúa á espera de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) se pronuncie sobre eses despedimentos, aínda que xa se pronunciou impedindo que, por agora, a empresa pare as cubas.

A Xunta lamenta que o estatuto electrointensivo "recorte axudas" á industria galega
Tamén este mércores, o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asegura que o estatuto electrointensivo aprobado polo Goberno "responde a un criterio territorial e non a unha verdadeira aposta pola industria". 

"Non só chega tarde, senón que é insuficiente e non dá unha resposta aos grandes consumidores de enerxía do noso país", denunciou este mércores. Segundo Conde, o estatuto non permite "competir en igualdade de condicións con respecto a outros países como Francis e Alemaña". 

Ademais, afirmou que "Galicia sae unha vez máis prexudicada fronte a outros territorios", ao "recortarse as axudas" á industria da comunidade. 

Co novo marco, apunta a Xunta, pásase de apoiar a 120 empresas en España a 600 "e desde ese punto de vista os grandes consumidores electrointensivos non teñen unha resposta". 

Tampouco observa "un compromiso claro desde o punto de vista dos mecanismos de CO2" nin que se atendan "as principais alegacións" trasladadas por Galicia, Cantabria e Asturias, en concreto sobre a figura dos grandes hiperelectrointensivos. 

De igual modo, o conselleiro sinalou que non están contempladas no texto final outras medidas de carácter fiscal que o Goberno galego consideraba "imprescindibles" para abaratar o prezo enerxético. 

Por todo o sinalado, apelou a que o Executivo central "rectifique esta política enerxética que está a deixar ao carón a industria e que está a pór nunha situación verdadeiramente complicada que os empregos industriais poidan ter un futuro". 

Con respecto ao caso concreto de Alcoa en Cervo, defendeu que "no momento en que se poida ditaminar que a compañía non está disposta a darlle continuidade, autonómicamente a única solución posible é a intervención".

VALORACIÓN DA CIG. Pola súa banda, a CIG considera que o estatuto "chega tarde e resulta insuficiente, tendo en conta que non se aclara cal será a rebaixa efectiva no prezo da electricidade para a industria gran consumidora de enerxía". 

"Non establece mecanismos de garantía de emprego reais, nin se modifica o mercado de casación de prezos no mercado almacenista, a pesar de ser a principal causa do elevado custo da electricidade para o sector", advirte. 

Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, estase "ante unha constatación máis desta acumulación de atrasos inxustificados por parte do Goberno español, co impacto que ten na industria galega".