Domingo. 26.05.2019 |
El tiempo
Domingo. 26.05.2019
El tiempo

Salgueiro: "Agardo no vindeiro mandato lograr o porto deportivo para Morás e ampliar o polígono"

O alcalde de Xove, diante da casa consistorial. JOSÉ Mª ÁLVEZ
O alcalde de Xove, diante da casa consistorial. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O popular Demetrio Salgueiro defende a súa xestión á fronte do Concello de Xove, que di que é "un referente" en prestacións sociais con todo tipo de axudas para os veciños

O alcalde de Xove lamenta o retraso da Deputación no seu compromiso para arranxar os viais provinciais e avanza que xa vai saír adiante a creación dunha urbanización no centro da localidade para vivendas unifamiliares. Demetrio Salgueiro suma doce anos de alcalde no concello mariñao, onde goberna con maioría absoluta. 

Que balance fai deste último mandato? 

Seguimos cunha política social moi ampla, o Concello de Xove é un referente a nivel de prestacións. Temos máis de 100.000 euros nun amplo abano de axudas ao estudo e ao transporte, cun servizo de bus gratuíto único en Galicia con dúas liñas para ir a centros da comarca onde se imparten ciclos; máis de 200.000 euros en axudas a todas as asociacións culturais e deportivas ou máis de 70.000 no plan de emprego, co que as empresas que contraten un parado de Xove teñen unha subvención de 2.100 euros ao ano durante tres anos se a contratada é unha muller e 1.800 se é home. Tamén temos a escola de maiores, que é pioneira, e somos un concello cun nivel impositivo baixo con respecto aos servizos que dá. Por exemplo, os prezos da piscina son simbólicos. 

Cales son as principais liñas para os próximos catro anos? 

Queremos seguir sendo un referente a nivel social e hai tres actuacións importantes que esperemos que vexan a luz neste mandato, proxectos clave que están en carteira e que a lentitude da administración fai que se retrasen pero que non estiveron parados en ningún momento. Son a construción dun dique de abrigo e un porto deportivo en Morás, a ampliación do polígono de Camba e o arranxo de todas as vías provinciais. 

En que situación está o proxecto de Morás? 

Este mércores (hoxe) teño unha reunión en Madrid cos responsables de Portos e de Costas para tratar de desbloquealo e seguir coa tramitación para a construción desa demanda tan importante dos pescadores, tanto profesionais como deportivos. 

Hai proxectos clave que están en carteira e que a lentitude da administración fai que se retrasen

E a ampliación do polígono? 

Firmamos un convenio con Xestur para proceder á terceira fase. O polígono goza dunha situación privilexiada, entre Xove e Viveiro e cun enlace moi próximo á variante. Agora mesmo o chan está practicamente esgotado e sería necesario facer unha ampliación. Dentro do PXOM hai contemplada unha zona de 200.000 metros cadrados, hai chan para facer varias fases. 

Que pasa coas vías provinciais? 

Son os accesos máis importantes aos núcleos do concello e temos un acordo firmado coa Deputación para o arranxo integral con aglomerado en quente e melloras de trazado. A Deputación asumirá o arranxo total de dúas, as de Xove a Valcarría e a Morás, que tiñan que estar xa en execución, pero di que quere ter listos os proxectos de todas antes de comezar ningunha delas. Para o arranxo das restantes o Concello porá o 50% dos fondos. 

Teñen novidades en materia de vivenda. 

Temos unhas vivendas sociais municipais nas antigas casas dos mestres e arranxamos catro máis ás que poden optar persoas con menos recursos. Doutra banda, a nivel urbanístico temos unha zona no centro de Xove para a construción de máis de 20 vivendas unifamiliares, un plan parcial que tivo que retrasarse por unha alegación pero xa está resolta e acabamos de recibir o visto bo da Xunta para impulsar esa zona que demandan os veciños. 

Que pasos están a dar a nivel turístico? 

Traballamos na recuperación do noso patrimonio. Restauramos fontes, recentemente adquirimos todo o contorno das ruínas de San Tirso para poñer en valor esa zona importante a nivel cultural e patrimonial e seguimos mellorando as rutas de sendeirismo. Xove é un paraíso natural, temos unha costa preciosa e temos que traballar para mantelo ben coidado. 

Neste mandato abriuse o primeiro e único tramo na Mariña do corredor Ferrol-San Cibrao. Beneficiou ou prexudicou a Xove? 

O corredor é imprescindible para A Mariña e é dificilmente xustificable que non estea feito aínda, tendo Alcoa, os portos de Celeiro e Burela e sendo unha zona turística. No seu momento houbo a oportunidade de facer o tramo de Xove, con iso quitouse tráfico pesado do centro e a nivel de comercio e hostalaría foi máis o temor ao principio que o resultado, hai que ter unha oferta atractiva para que a xente nos visite independentemente de ter un corredor ou non, porque máis cedo ou máis tarde ía habelo. Agora é necesario solicitar ao Estado a conexión coa A-8 e á Xunta o resto, sobre todo a variante de Viveiro.

Como afronta estas eleccións? 

Con tranquilidade. Deixei unha parte da miña vida para adicala ao Concello, ninguén pode dicir que non lle adico todas as horas que fan falta, quitándollas á miña familia, pero creo que cando alguén se compromete con algo ten que levalo ata o final. Estou coa tranquilidade de ter moito traballo feito, moito avanzado na tramitación proxectos importantes e moitos conseguidos como melloras en accesos, en infraestruturas deportivas ou incluso no orzamento, que cando cheguei era de cinco millóns e agora son nove. Temos unha economía saneada e proporcionamos servizos de calidade.

Afronto as eleccións coa tranquilidade do traballo feito

Haberá novidades na lista? 

Algún pequeno cambio vai haber, é necesario para dar entrada á xente nova, con novas ideas. Pero todos os veciños se poden considerar incluídos na lista porque saben que nos poden transmitir as necesidades, estúdanse e se se considera que son boas para o conxunto da poboación, execútanse. 

Que é o que máis lle piden? 

Sobre todo melloras nos accesos, é unha demanda constante. Tamén pistas nos montes, pois hai unha riqueza forestal importante. 

Neste mandato tamén é deputado provincial. Como é a experiencia? 

É unha experiencia nova e enriquecedora. Nos tres meses que tiven responsabilidades de goberno tratei de facelo o mellor posible e agora na oposición aporto ideas para que a Deputación sexa unha institución importante para axudar aos concellos, sobre todo pequenos, que debería xestionarse sen criterios políticos.

Nin oír falar dun peche de Alcoa: "Sería un golpe tremendo"
"Sería un golpe tremendo que houbese algún tipo de problema, teríamos un Goberno seriamente irresponsable", di o alcalde de Xove sobre a ameaza de peche de Alcoa en San Cibrao se non se consegue un prezo eléctrico competitivo, polo que insta ao Executivo a aceptar as alegacións presentadas ao borrador do estatuto electrointensivo.

5 millóns de ingresos 
A presenza da multinacional en Xove repórtalle ao Concello preto de cinco millóns, uns tres de forma directa a través do imposto de actividades económicas e outros dous que pagan as eléctricas polo paso das liñas polo municipio. 

A metade do orzamento
Eses ingresos supoñen a metade do orzamento municipal, que supera os nove millóns. "O Concello non podería entenderse como é, co nivel de axudas que temos nin a cantidade de investimento que facemos en melloras, sen os ingresos que nos proporciona Alcoa", recoñece.

Salgueiro: "Agardo no vindeiro mandato lograr o porto deportivo...
Comentarios