A Sacabeira celebrará o seu cuarto aniversario o sábado con Los Pontiaks e máis sorpresas

Haberá un sorteo e un food truck que preparará comida para os asistentes
Bruno e Alba rexentan A Sacabeira. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Bruno e Alba rexentan A Sacabeira. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O café cultural A Sacabeira, situado no conxunto histórico artístico de Sargadelos, celebrará o vindeiro sábado 22 unha festa polo seu cuarto aniversario. O establecemento, que programa concertos e actividades todas as fins de semana, foi desvelando nos últimos días os nomes das bandas que actuarán no evento.

O trío vigués Los Pontiaks volverá á Sacabeira tras o exitoso concerto celebrado o pasado mes de setembro. Tamén participarán no aniversario os coruñeses Madame Bird e True Mountains, liderado polo viveirense Pérez, en formato acústico.

Desde A Sacabeira tamén anunciaron que haberá un sorteo e un food truck que preparará comida –tamén vegana e sen glute– para os asistentes.

Instalada a torre que dará cobertura móbil a Sargadelos

O monte municipal na Escarabelada xa ten instalada a torreta de Vodafone que dará servizo de telefonía móbil e internet ao Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, "unha zona do noso municipio que sofre aínda as consecuencias da fenda dixital ao carecer de cobertura", señalaron desde o Concello de Cervo. "Con esta actuación —explican—, melloraranse as redes de telecomunicacións nesta contorna para favorecer e facilitar a actividade no centro de emprendemento e artesanía que alberga diferentes negocios para os que a conectividade resulta importante no día a día". 

Comentarios