Con sabor a tradición

A comida de sempre é a base dos menús que elaboran en Como na casa, que aposta en Viveiro polo fresco e unha coidada preparación
 

Clara Pardiño e Rocío Louzao. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Clara Pardiño e Rocío Louzao. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O negocio Como na casa, que puxeron Clara Pardiño Orol e Óscar Fernández Louzao, coa inestimable man de Rocío Louzao Vilasa, nai del, vai vento en popa, aínda que a pandemia obrigounos a subir os prezos. Preparan menús por 8,90 euros, de martes a vernes, aínda que tamén se pode levar medio menú ou unha ración, e as fins de semana hai pratos especiais, dende codillos asados a muslos ou merluza recheos, En ámbolos casos para recoller no local que se atopa ao comezo de Cantarrana ou con reparto a domicilio.

Clara amósase leda pola boa acollida: "É o de toda a vida, pero variando a presentación. Facemos a comida de sempre para intentar comer sano e co maior sabor posible. É un servizo cómodo para a xente de diario, aínda que o verán dáche un empuxón. É unha vía diferente, como se o fixeran eles, pero coa comodidade de que o facemos nós". Confesa que "agora resúltame máis complicado cociñar na casa, antes facíao só para a familia. Vía as potas e decía: Para onde vou? E agora é ao revés chego á casa, vexo esa minipota e digo: que fago con isto? Faise raro. Ao final é afacerte a unha pota máis grande. O resto é coma na casa, igualiño", comenta.

Cambio | "Agora resúltame máis difícil cociñar na casa que aquí"

A Clara non lle gusta tirar. "É imposible calcular ao 100%, así que se sobra nós tamén comemos. Facemos ata que se acaba, a partir das nove e media da mañá poden chamar ao 982.00.91.66 para reservar, porque se veñen tarde ao mellor non queda. Hai xente que vén buscar porque lle gusta un prato e os prezos permiten que collan tres ou catro veces á semana".

A cociña ensina a sacar o máximo partido aos produtos. Como exemplo, un destes días prepararon polo ao allo e coas carcasas, uns puerros e unhas cenorias fixeron unha sopa, que neste tempo frío presta. "Senón faría mañá un arroz, é cuestión de aproveitar e tirar moito dos provedores de aquí". Tanto é así que o único conxelado son os chícharos e nalgunha época as xudías. Por iso, a maior parte do custe é a preparación dos alimentos. "Nós dámoslle moita importancia a como se fai. Non é o mesmo ter un chuleteiro ou un pito e preparalo como queiras que unhas costilletas cortadas tres días que perden sabor", di Clara.

Tendencia | "Agradécense os pratos non"tan contundentes"

Os menús nacen diante dun café. "Sentámonos as dúas, vemos que trouxeron os provedores e sempre tentamos poñer un peixe dentro das posibilidades do día e algo de culler. E logo lemos revistas, vemos receitas que non facemos así e probamos. O que hai seguro é callos os domingos e lasaña os sábados, o resto cambia", explica. Os pucheiros, os guisos e as cremas ou sopas, son o máis solicitado no inverno. Pola contra, no verán triunfan a ensaladilla, ensalada de pasta, o pudin, as quiches ou o pionono salado.

ECONÓMICO. Coa suba dos prezos, da luz e de tódolos produtos, "cada vez é máis difícil crear un menú económico" recoñece. Clara e Óscar son autónomos. "Só ese gasto é moito, e logo o aluguer e o demais. Se subes o prezo restrinxes certa clientela que ao mellor che vén por iso, pero senón ao mellor tampouco gañas un soldo". Por iso hai que darlle á cabeza para poñer os segundos pratos, segundo Clara, quen di que "notamos que se agradecen moito os pratos non tan contundentes, levan moito as verduras, hai unha tendencia a comer máis sano, a xente presta atención a como está feita a comida e pregunta".

Clientes | "Pola semana temos moitos pedidos de familias"

Pola semana a maioría dos clientes son familias nas que traballan os dous ou ás que lles gusta facer deporte, polo que empregan ese tempo noutras cousas. "Dinnos que así poden facer moitas actividades cos nenos e iso aumenta no verán, porque fai mellor tempo e gústanos saír". Nas fins de semana aumentan os pedidos de parellas ou xente que vive soa e que acode buscar un prato concreto. A xerente do local explica que a xente de fóra tamén se anima no verán. Un factor diferencial é que "somos moi cercanos, acábaslle collendo cariño á xente. No confinamento tivemos moitos correos animándonos", recorda Clara.

Os fritos tamén están case desterrados da súa cociña, xa que tiran moito do forno."Nótase que a comida non é tan pesada, sempre usamos aceite de oliva e non botamos moito sal, porque sempre estás a tempo de engadir, de quitarlle, non", subliña.

Comentarios